RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
ACTUALIDADE

Carlota xógase mañá sábado con España o pase a semifinais do Europeo sub-17

- Foto: uefa.com -

A xogadora do Deportivo ABANCA B Carlota Sánchez está concentrada coa selección española sub-17 na Fase Final do Campionato de Europa da categoría.

España mídese mañá sábado 11 de maio (14:00 horas) a Portugal, no duelo decisivo para pasar de rolda. O encontro xogarase na localidade búlgara de Dobrich.

Carlota estreouse o pasado mércores como goleadora no triunfo de España ante a anfitrioa Bulgaria (0-3). Após arrancar o choque no once titular, a atacante deportivista, no minuto 42 de xogo, aproveitou un rexeite da súa compañeira Isabel Pala para abrir o marcador e encarrilar o primeiro triunfo español no torneo.

Na segunda metade, concretamente no minuto 66, Carlota foi relevada por Ornella Vignola.

A futbolista coruñesa debutou no Europeo o pasado domingo 5 de maio ante Dinamarca no once inicial español. Xogou 64 minutos, ata que foi relevada por Julia Bartel.

O choque acabou en igualada (0-0), aínda que a selección española, vixente campioa, gozou de innumerables ocasións de gol, até un total de 24 disparos a porta.

O calendario de España, cos resultados dos partidos xa xogados, é o seguinte:

Domingo 5 de maio
ESPAÑA 0 - DINAMARCA 0

Mércores 8 de maio
BULGARIA 0 - ESPAÑA 3

Sábado 11 de maio
14:00: PORTUGAL - ESPAÑA, en Dobrich

As dúas primeiras de grupo pasan a semifinais, que se xogarán o martes 14 de maio en Dobrich e Kabarna.

Carlota segue os pasos dados con anterioridade por outras xogadoras deportivistas como Teresa Abelleira, Nuria Rábano e Malena Mieres, tamén internacionais en categorías inferiores.

Por este motivo, a atacante branquiazul non pode xogar co seu equipo, o Deportivo ABANCA B, o encontro en Vigo ante o Sárdoma CF B (domingo 12 de maio, 18:00 horas), correspondente á xornada 30, última, na Primeira Autonómica.