RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
ACTUALIDADE

CEIP María Barbeito e CEIP Barrié de la Maza pecharon a temporada de 'Os Nosos Valores-Escolas 110 % Branquiazuis'

Máis de 70 alumnos de 6º de Primaria do CEIP María Barbeito e outros 60 do CEIP Barrié de la Maza de Sada pecharon esta semana a temporada de 'Os Nosos Valores-Escolas 110 % Branquiazuis', no incomparable marco do Estadio ABANCA-RIAZOR.

Este mércores 22 de maio, os mozos do colexio do Ventorrillo puideron compartir boa parte da mañá con Bicho e Gandoy, xogadores do Fabril. Os alumnos sadenses, que acudiron a ABANCA-RIAZOR hoxe xoves 23, escoitaron con atención a Teresa Abelleira e Patri López, xogadoras do Deportivo ABANCA, e ao fabrilista Jonny Montiel.

Os alumnos gozaron dunha visita guiada polas dependencias interiores de ABANCA-RIAZOR. Posteriormente, recibiron unha charla sobre a historia do Dépor a cargo do xornalista de La Opinión de A Coruña Carlos Miranda, autor do libro '110 % Branquiazul', apoiado no arquivo recompilado polo ex conselleiro Pachy Dopico e que conta coa revisión e autorización por parte do RC Deportivo.

Finalmente, todos viviron con ilusión a sorpresa da aparición dos futbolistas branquiazuis, que contestaron a todas as preguntas dos pequenos, asináronlles postais dedicadas e mesmo algunhas bufandas e camisetas. A xornada finalizou coa foto de familia a pé de campo.

A experiencia branquiazul destes rapaces aínda non acabou, pois o Club regala unha entrada dobre a cada un deles para o partido ligueiro do Dépor en ABANCA-RIAZOR fronte ao Real Mallorca, correspondente á 40ª xornada de LaLiga 1|2|3, o luns 27 de maio ás 21:00 horas.

28 colexios e máis de 1.400 nenos

'Os Nosos Valores-Escolas 110 % Branquiazuis' concluíu a súa terceira temporada permitindo a 28 colexios e case 1.400 nenos gozar dunha experiencia única e exclusiva: visitar dependencias do Estadio ABANCA-RIAZOR polas que soamente circulan habitualmente os xogadores e o persoal do Club e, ademais, empaparse de historia branquiazul.

Posto en marcha en abril de 2016 no Hogar de Santa Margarita, en cuxa residencia habitan os canteiráns do RC Deportivo chegados de fóra de Galicia, 'Os Nosos Valores-Escolas 110 % Branquiazuis' empezou a organizarse con regularidade durante a temporada futbolística 2016-2017, duplicando a súa actividade cada ano até alcanzar esta campaña os 28 centros educativos.