RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
ACTUALIDADE

CEIP Sal Lence e CEIP Rosalía de Castro compartiron 'Os Nosos Valores-Escolas 110 % Branquiazuis' en ABANCA-RIAZOR

Ao redor de medio centenar de alumnos de 6º de Primaria do CEIP Sal Lence e do CEIP Rosalía de Castro gozaron na mañá de hoxe doutra inesquecible xornada de 'Os Nosos Valores-Escolas 110 % Branquiazuis', no incomparable marco do Estadio ABANCA-RIAZOR. Ademais, os rapaces puideron compartir boa parte da mañá con Teresa Abelleira e Maya Yamamoto, xogadoras do Deportivo ABANCA, Abeledo e Javi Cobo, futbolistas do Fabril.

Os alumnos gozaron dunha visita guiada polas dependencias interiores de ABANCA-RIAZOR. Posteriormente, recibiron unha charla sobre a historia do Dépor a cargo do xornalista de La Opinión de A Coruña Carlos Miranda, autor do libro '110 % Blanquiazul', apoiado no arquivo recompilado polo ex conselleiro Pachy Dopico e que conta coa revisión e autorización por parte do RC Deportivo.

Finalmente, todos viviron con ilusión a sorpresa da aparición dos catro futbolistas branquiazuis, que contestaron a todas as preguntas dos pequenos, asináronlles postais dedicadas e mesmo algunhas bufandas e camisetas. A xornada finalizou coa foto de familia a pé de campo.

A experiencia branquiazul destes rapaces terá continuidade no partido ligueiro do Dépor en ABANCA-RIAZOR fronte ao Real Mallorca, correspondente á 40ª xornada de LaLiga 1|2|3, o luns 27 de maio ás 21:00 horas. O Club regala unha entrada dobre a cada un deles.