RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Celso Borges, á fronte de Costa Rica na Rosaleda

Onte sábado xogou Celso Borges en Málaga ante España. Hoxe domingo, Fabian Schär xógase o billete para o Mundial de Rusia ante Irlanda do Norte. Os suízos parten con vantaxe de 0-1 da ida.

Celso Borges capitaneou a Costa Rica ante España

Celso Borges e a súa selección, Costa Rica, clasificada para o Mundial de Rusia 2018, disputa dous amigables en Europa.

O primeiro deles foi onte sábado 11 de novembro no Estadio da Rosaleda de Málaga ante España. Celso Borges, capitán de Costa Rica, foi titular, a sete días de regresar co Deportivo en partido de LaLiga Santander. Gañou España (5-0), Borges xogou completo o partido e tivo unha clara oportunidade de gol no último minuto.

O martes 14 de novembro, os 'ticos' visitarán a Hungría, no Estadio Ferenc Puskas de Budapest (20:15, hora local).

Schär, con Suíza, a selar o pase para Rusia

O deportivista Fabian Schär e a súa selección, Suíza, pelexa contra Irlanda do Norte por un billete para o Mundial de Rusia 2018 en formato de eliminatoria de ida e volta.

O partido de ida xogouse o pasado xoves 9 de novembro no Windsor Park de Belfast. Gañou Suíza (0-1), que se achega así ao Mundial. Schär foi titular e xogou completo o encontro, a pesar de recibir un cartón amarelo aos 5 minutos de xogo.

A volta será hoxe domingo 12 de novembro (18:00 horas) no St. Jakob Park de Basilea (Suíza).

O central branquiazul foi titular indiscutible en toda a fase de grupos, na que Suíza acabou segunda do grupo 2, igualado a 27 puntos coa primeira clasificada, Portugal, pero con peor diferenza de goles que os lusos.

Fede Valverde, suplente ante Polonia

Do mesmo xeito que Celso Borges, Fede Valverde aforrouse un longo desprazamento a Sudamérica neste parón ligueiro, debido a que a súa selección, Uruguai, xa clasificada para o Mundial de Rusia, disputará dous partidos amigables en Europa.

O primeiro deles foi ante Polonia, en Gdansk, o venres 10 de novembro. Fede Valverde foi suplente e non xogou nun amigable que acabou en igualada (0-0).

O segundo partido fronte a Austria, no estadio Ernst Happel de Viena, será o martes 14 de novembro (20:45 horas).

Francis, no banco de Nixeria

Francis Uzoho, gardameta que recentemente debutou en partido oficial coa camiseta do RC Deportivo, foi chamado por primeira vez pola selección de Nixeria, para o último encontro de clasificación para o Mundial de Rusia 2018 e un amigable.

Nixeria, xa clasificada para a fase final da Copa do Mundo do próximo verán, pechou a liguiña eliminatoria fronte a Alxeria no estadio Chahid Hamlaoui de Constantina (Alxeria) o venres 10 de novembro. O partido acabou en empate (1-1), con Francis no banco.

O martes 14 de novembro, Nixeria disputará un amigable ante Arxentina no Krasnodar Stadium, en Krasnodar (Rusia).

Pantilimon foi titular ante Turquía

Os futbolistas branquiazuis Florin Andone e Costel Pantilimon foron convocados para dous partidos amigables da súa selección, Romanía.

O primeiro deles foi o pasado xoves ante Turquía no Estadio Constantin Radulescu de Cluj. A meta Pantilimon foi titular e xogou 71 minutos. O outro deportivista, Florin Andone, saltou ao campo no minuto 67 substituíndo a Keserü. Venceron os romaneses (2-0).

O segundo encontro amigable de Romanía será o martes 14 de novembro en Bucarest fronte a Holanda (21:00 horas).

Romanía quedou fóra da próxima edición do Mundial, en 2018 en Rusia, ao quedar clasificada en cuarta posición no seu grupo, por detrás de Polonia, Dinamarca e Montenegro.

O fabrilista Ismael Díaz xogou a segunda parte fronte a Irán

Hernán Darío Gómez, seleccionador de Panamá, convocou ao xogador do Fabril Ismael Díaz para dous partidos preparatorios para o Mundial de Rusia 2018.

Así, o pasado xoves 9 de novembro, os panameños caeron (2-1) ante Irán no UPC-Area de Graz (Austria). Ismael xogou toda a segunda parte, na que substituíu a Josiel Núñez.

O martes 14, Panamá visita a Gales, no City Stadium de Cardiff ás 19:45 (hora local).