RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Celso Borges e Alberto Benito traballaron co grupo no retorno do Dépor aos adestramentos

Celso Borges e Alberto Benito foron as dúas novidades esta mañá no regreso do Deportivo aos adestramentos despois do día de descanso de onte domingo.

Ambos os futbolistas adestráronse con normalidade nunha sesión de traballo que se desenvolveu entre os campos 2 e 3.

O internacional costarriqueño volve á Coruña após realizar un gran papel na Copa de Ouro da CONCACAF e igualar ao xa retirado Walter Centeo como futbolista con máis partidos na Tricolor, un total de 135.

Ademais, xogou o seu partido número 25 desde 2009 nesta competición, equivalente á Copa América ou a Eurocopa. Outra marca que pasará á historia do fútbol 'tico'.

Pola súa banda, Alberto Benito regresa após estar uns días con adestramento individualizado no seu domicilio, por prescrición dos Servizos Médicos que dirixe o doutor Carlos Lariño.

Esta mañá, após un quecemento, o cadro dividiuse en dous grupos: mentres un realizaba fútbol en espazo reducido; outro completaba un circuíto físico orientado á forza.

Un exercicio táctico e un partido a metade de campo 2 completou a xornada de hoxe luns, inicio da semana grande para o Dépor que o equipo branquiazul pechará o domingo en ABANCA-RIAZOR coa disputa do Trofeo Teresa Herrera ante a SD Ponferradina.

Valín e Pablo Brea adestráronse co readaptador Álex Canosa; e Rolan, Uche e Fede Cartabia teñen permiso.

Alberto, Brais, Trilli, Yeremay e Noel conformaron a representación de #ANOSACANTEIRA na citación de Borja Jiménez.

O único contratempo da mañá protagonizouno Juan Carlos Menudo, que sufriu unha contusión nunha coxa, pendente de evolución nas próximas horas.

Mañá martes, o cadro está citado ás 9:00 para almorzar no comedor de Abegondo e saltar ao céspede a partir das 10:30.