RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Celso Borges márchase de vacacións despois de gañar a Trinidad e Tobago

- Foto:@CelsoBorgesCR -

Celso Borges e Florin Andone puxeron entre onte martes 13 de xuño e a madrugada de hoxe mércores 14 (en España) o punto e final á súa temporada, neste caso co seu último partido internacional do presente curso, en San José de Costa Rica e Cluj respectivamente.

Segundo partido completo para Celso Borges con Costa Rica

Esta pasada madrugada en España (4:00 horas), Costa Rica, con Celso Borges no once inicial, recibiu no Estadio Nacional de San José a Trinidad e Tobago. O encontro era clasificatorio para o Mundial de Rusia 2018.

Gañaron os costarriqueños (2-1) un partido vital, no que o mediocentro branquiazul xogou o noventa minutos e tras o que foi agasallado polos seus 100 encontros oficiais co combinado nacional.

O pasado xoves 8 de xuño, Costa Rica empatou con Panamá (0-0), tamén en San José, capital do país centroamericano.

Celso Borges estivo no céspede todo o encontro, que foi de moito desgaste, posto que o central 'tico' Giancarlo González foi expulsado con vermella directa no minuto 54 de partido.

Romanía gañou a Chile, con Andone de titular

Onte martes 13, Romanía, con Florin Andone no once inicial, mediuse a Chile nun partido amigable na cidade de Cluj.

Gañaron os romaneses (3-2). O dianteiro branquiazul xogou a primeira parte e foi substituído no descanso por Andrei Ivan.

O pasado sábado, a selección romanesa, con Andone no once inicial, visitou a Polonia, en partido clasificatorio para o Mundial de Rusia 2018.

Florin Andone xogou completo un partido que se saldou con triunfo polaco (3-1).

Emre Çolak, do céspede ao banco con Turquía

O pasado domingo 11 de xuño, Turquía enfrontouse a Kósovo (1-4), no Loro Borici Stadium da cidade albanesa de Shkoder. O partido era clasificatorio para o Mundial de Rusia 2018.

Emre Çolak estivo no banco e non chegou a saltar ao terreo de xogo.

Con todo, o pasado luns 5, a selección turca, co centrocampista branquiazul no once inicial, visitou Macedonia nun partido amigable que se xogou na capital Skopje.

Houbo empate sen goles (0-0), e Emre foi substituído no minuto 79 por Yilmaz.

Fayçal afiánzase no once inical de Marrocos

O pasado sábado 10 de xuño, Marrocos, con Fayçal Fajr, visitou Camerún, en partido que se xogou no Estadio Omnisports Ahmadou-Ahidjo de Yaoundé, clasificatorio para a Copa de África.

Caeu Marrocos (1-0), e Fayçal xogou completo o encontro. Dispuxo o centrocampista branquiazul dalgunha boa oportunidade para marcar.

Fayçal tamén foi titular no amigable do mércores 31 de maio ante Holanda no Gran Estadio de Agadir. Foi relevado no último minuto do encontro por Bammou. O partido levoullo Holanda por 1-2.

60 minutos de xogo e vitoria para Kakuta

O xogador branquiazul Gaël Kakuta mediuse á Republica do Congo, en partido clasificatorio para a Copa de África Camerún 2019, que se xogou no Stade des Martyrs de Kinshasa.

Kakuta foi titular e estivo sobre o campo 60 minutos. Participou activamente o atacante deportivista no triunfo do seu equipo (3-1).

O pasado luns 5 de xuño, o RD Congo disputou un amigable ante Botswana en Rabat. Gañaron os congoleños (2-0) sen Kakuta, que non chegou a saltar ao terreo de xogo, quizais pensando no partido oficial deste pasado sábado.