RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Centos de fotos do Boletín Oficial do Club volven a mans do Dépor e poderán verse en "Recordos en Branco e Azul"

Máis de medio milleiro de fotografías do Deportivo dos anos 90 regresaron a mans do Club da man de María Teresa Saiz Fouz, que as conservou durante anos e entregounas na Praza de Pontevedra recentemente.

Dado o volume do material, o mesmo irase publicando aos poucos na web "Recordos en Branco e Azul" en vindeiras semanas.

María Teresa formaba parte do grupo de traballo que elaboraba a revista "Super Dépor Fútbol - Boletín Oficial do RC Deportivo da Coruña", cuxo número 1 entregouse gratuitamente nas portas do Estadio o 26 de novembro de 1995, en partido da 14ª xornada de Primeira División entre os branquiazuis e o Real Valladolid.

Aquela revista mantivo durante varias temporadas un formato que despois variou en diversas ocasións, ata que a súa elaboración asumírona, unha vez creados, os propios medios de comunicación do Club.

A inmensa maioría das fotografías levan o selo de Pedro Puig, tamén fotógrafo de El Ideal Galego desde hai varias décadas. No amplo paquete tamén aparecen algunhas instantáneas doutros tempos, que serviron para ilustrar a sección histórica da publicación. Entre elas hai imaxes asinadas por Tonecho, Blanco, Óscar, Lancina ou Pardo Reguera.

Partidos, actos, eventos, producións especiais... Case calquera suceso ao redor do Deportivo de mediados daqueles anos 90 tivo cabida no Boletín Oficial e, por tanto, atópase plasmado nalgunha das máis de 500 imaxes que María Teresa puxo de novo en mans do Club.

Na páxina web recordos.rcdeportivo.es calquera afeccionado ten a posibilidade de achegar o seu gran de area á reconstrución da historia do Club. Un novo dato sobre unha imaxe mediante un comentario, a cesión dunha nova fotografía, unha historia persoal ao redor da instantánea en cuestión...

A mellor opción é a de achegarse coa fotografía orixinal ás oficinas do Club na Praza de Pontevedra, 19, 1º (de luns a venres de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas) para proceder á súa dixitalización coa maior calidade posible. Unha vez dixitalizada, a fotografía orixinal seralle devolta ao propietario, xunto á copia dixitalizada da mesma nunha memoria USB.

O cedente sempre conservará a propiedade da imaxe, que prestará ao RC Deportivo soamente para uso institucional. Todas as fotos publicadas están protexidas con marca de auga para evitar o seu uso fraudulento.

Tamén existe a posibilidade de darse de alta en "Recordos en Branco e Azul", creando, coa mesma sinxeleza que en calquera rede social, un perfil de usuario a través do que quedará constancia de que a foto é da súa propiedade.

A partir de aí, o usuario poderá comentar calquera fotografía e adquire a posibilidade de compartir co deportivismo unha nova imaxe. Cando efectúe a cesión directa da instantánea, esta non será visible de inmediato, pois deberá recibir o visto e prace en función de diversos estándares de calidade fotográfica e valor histórico.