RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Certificado o plan B nunha tarde festiva (3-0)

A calorosa e asollada tarde en ABANCA-RIAZOR comezou festiva desde o arranque co bo ambiente da afección en pleno Día das Peñas. O equipo saíu enchufado e enganchado a ese ambiente desde o inicio e non deixou respirar á UD Logroñés en ningún momento, cargando constantemente polos costados, especialmente polo dereito cos apoios e centros de Antoñito.

Despois de varias incursións na área, non se cumpriu o 5 cando unha xogada combinativa, protestada polos visitantes por un choque, aproveitouna o lateral andaluz para celebrar, ás 19:06, cun gol, o seu debut en ABANCA-RIAZOR.

O temperán tanto non relaxou ao Dépor que, esporeado pola bancada, seguiu cargando con insistencia sobre a área da UD Logroñés. William, Juergen, Villares, Álex... todos se movían con perigo sobre a frontal xerando chegadas e obrigando á zaga a actuar. Nun deses cortes que acabou en córner, o Dépor aproveitou para anotar o segundo nun técnico remate de cabeza de Adrián Lapeña que na frontal da área pequena virou a testa para pór o 2-0 e desatar aínda máis, se era posible, a festa en ABANCA-RIAZOR.

O primeiro olé da tarde chegou cun recorte de Antoñito na área que a acomodou para centrar á cabeza de William que mandou o balón ás mans de Álex Daza. A inmediata tamén foi para o brasileiro cun disparo lixeiramente cruzado sobre a portería rioxana. Ao gardameta tamén lla mandou Soriano de volea desde a frontal. O propio Álex Daza evitou o terceiro nun centro de Aguirre que Quiles rematou sen deixala caer na frontal da área pequena, obrigando a lucirse a Daza. A mesma xogada, agora por abaixo e sen que Quiles chegase a tocar, volveu levar o ¡uy! a unha bancada que non deixaba de bailar.

A segunda parte, xa sen Antoñito que se baleirou no primeiro tempo, seguiu polos mesmos camiños que a primeira, aínda que cunha marcha menos. A pesar diso as chegadas branquiazuis seguiron sendo constantes. O 3-0 estivo a piques de materializarse antes do que finalmente foi. Quiles fallou un penalti no minuto 54, sinalado por man de Arregi ante o lanzamento de Aguirre. Para desquitarse, o propio Quiles anotou de cabeza un novo tanto ao rematar un servizo perfecto de Héctor Hernández, lateral esquerdo do Dépor na segunda metade.

As rotacións seguiron no cadro branquiazul para manter o ritmo. Miku puido anotar, pero non chegou por centímetros a outro servizo de Héctor Hernández que finalmente Quiles acabou estrelando no lateral da rede.

O Dépor conseguiu un cuarto gol que non subiu ao marcador por decisión arbitral. Rafa de Vicente estaba en posición correcta por varios metros cando rematou desde a frontal ao pau e ao fondo da portería.

Con outra xogada do andaluz, neste caso como asistente a Quiles, que serviulla a Miku, pero que acabou despexada pola defensa, púxose punto final a un partido no que non cesou a festa nin o fútbol para asinar a garantía de que o Dépor xogarase, a dous partidos, o ascenso a principios de xuño en Galicia.

RC Deportivo: Mackay, Antoñito (Héctor Hernández, min. 46), Lapeña, Granero (Trigueros, min. 79), Aguirre, Villares, Álex Bergantiños, Juergen (Rafa de Vicente, min. 79), Soriano (Álvaro Rey, min. 74), Quiles e William (Miku, min. 67).

UD Logroñés: Álex Daza, Paolo (Villos, min. 77), Jesús Rueda, Arregi, Fer Cano, Rafa Parello (Pinillos, min 61), Guarrotxena (Šimic, min. 85), Alfaro, Dubasin, Iñaki e David Ramos (Andoni, min. 85).

Goles: 1-0 Antoñito (min. 5); 2-0 Lapeña (min. 11); 3-0 Quiles (min. 77).

Árbitro: Collado López (c. Castelán-Manchego). Amoestou a Arregi (min. 54), Soriano (min. 63), Pinillos (min. 87).

Incidencias: partido da 34ª xornada do Grupo 1 de Primeira RFEF disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 12.229 espectadores. Antes do partido, os dous equipos fixeron o corredor a representantes do Hospital Público Universitario da Coruña polo seu 50 aniversario e o seu traballo incansable durante a pandemia.