RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Chegaremos á competición coas ideas claras", asegura Alberto Benito na súa presentación

Alberto Benito Correa (Tarragona, 13 de xuño de 1992) foi presentado esta mañá como novo xogador do RC Deportivo para esta temporada.

En primeiro lugar, o novo lateral deportivista pousou coa súa nova camiseta no campo principal de Abegondo acompañado polo presidente, Antonio Couceiro.

A continuación, contou Alberto ante os medios de comunicación que "o proxecto do Deportivo é ambicioso. Un equipo como o Dépor, aínda que estea nunha categoría inferior á que estivo nos últimos anos, é mellor que a metade de equipos de Segunda División por Club, por historia, polas instalacións que ten".

Explica que a súa chegada a ABANCA-RIAZOR produciuse cando o mercado en Segunda División "estaba parado. Estaba a moverse moito a 1ª RFEF. Tiven algunha opción desta categoría de equipos que van loitar polo ascenso. Pero eu falei co meu axente e tiña claro que o meu obxectivo era ou seguir en Segunda División ou se baixaba á 1ª RFEF un equipo como o Dépor. Non consideraba outra cousa. E tiven a sorte que aos poucos días chamáronme. Foi todo moi rápido e moi sinxelo".

Cre que "sería enganar a #ANOSAFORZA dicir que o ascenso non é o obxectivo; pero hai que ir aos poucos, partido a partido. Agora acabar ben a pretemporada, logo empezar a liga, facer un bo equipo. Estamos a traballar niso. Hai que considerar moito que o proxecto se acaba en maio. En outubro non ascenderiamos, pero está claro que o obxectivo é ascender".

Sobre os seus problemas físicos nun nocello, Alberto Benito apunta que "estou na recta final da recuperación. A principio da próxima semana vou poder estar co equipo. Moi contento".

De feito, e após pasar tamén os seus primeiros días como xogador do Dépor con adestramento individualizado en casa por prescrición dos Servizos Médicos, indica que "non mo esperaba. Foi un comezo malo pero todo o malo que me teña que pasar que me pase agora e así estar a tope na competición e non ter que estar a parar".

A pesar de non poder debutar aínda coa camiseta do Dépor, si opina que "estamos a traballar moito ter o balón, ser creativos e levar o paso do partido. Se tes esta forma de xogar os laterais teñen que ser longos. Borja está a traballar niso e eu aí síntome cómodo".

Coincide con Borja Jiménez no sentido que ao cadro fáltanlle "xogadores por fóra. O Club está a traballar niso. Espero que estean aquí pronto os que teñan que vir. Ao equipo vino ben, quizais con falta de profundidade pero porque non temos xente por fóra. Fomos protagonistas co balón, plantamos cara á 'Ponfe', dunha categoría superior. Vexo ao equipo ben. Chegaremos á competición coas ideas claras e poder sumar de tres en tres, que é o máis importante".