RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Christian Santos: "Estou feliz de afrontar este ano co Dépor"

Un dos goleadores do Dépor no que vai de temporada, Christian Santos, pasou esta mañá pola sala de prensa de Abegondo, minutos antes de que comezase o adestramento diario do equipo.

O internacional venezolano confesou sentirse a nivel físico "bastante ben. Tiven a oportunidade de facer case toda a pretemporada, o que o ano pasado, pola lesión, non se me deu. Síntome moi ben".

Cre que está preparado para ser titular e alegrouse por "ter a sorte de marcar nos dous primeiros partidos. E iso sendo suplente. Para un dianteiro é algo que desexas, entrar e poder marcar. Feliz por facer iso".

Apunta que tenta "levar da mellor maneira" marcar goles e empezar no banco o seguinte partido. "Gustaríame ter máis minutos, que é cando tes boas prestacións. Pero non son eu o que decide, senón o míster. Entón hai que ter tranquilidade, manteño a tranquilidade, sigo traballando duro para ter esa oportunidade", apunta.

Sobre como viviu o verán, Christian Santos asegurou "dicir sempre que me gustaría quedar. E quedeime, así que estou feliz de afrontar este ano co Dépor. Está claro o obxectivo que temos, dar o mellor de nós". "Non souben nada (de ningunha oferta) até o peche do mercado de fichaxes. Estaba soamente enfocado en adestrar ben, en facer as cousas ben e até agora foi así", conclúe rotundo.

Do encontro deste domingo 15 de setembro en El Molinón ante o Sporting de Gijón (21:00 horas, Gol), o dianteiro deportivista lembra que a temporada pasada marcou un gol: "Teño bos recordos. Sempre que xoguei aí marquei. Espero poder marcar a fin de semana", desexa.

Preguntado polo arranque ligueiro do Dépor, con 3 derrotas consecutivas, advirte que "é cedo aínda. Tivemos o último día 5 fichaxes. Ou sexa, que agora hai que ir axustando a todos, e aos poucos formar equipo, que é o importante".

A xuízo de Christian, o obxectivo do equipo esta temporada é ir "partido a partido. O que importa é Xixón e levar os 3 puntos. E a partir de aí o próximo".

Por conseguinte, non lle gusta falar de ascenso: "O ano pasado falouse moito e non se conseguiu nada. Un desexa o ascenso pero primeiro hai que facer as cousas ben; e despois poderá un soñar".

Do partido do Albacete do pasado sábado en ABANCA-RIAZOR, Christian queda con que o equipo non recibiu goles en xogada, "aí estamos a mellorar. Hai que coller a dinámica, os movementos de cada xogador".

Nesta liña, indica que "defensivamente xa estamos mellor, atopámonos mellor, e esa é a base. A partir de aí necesitamos paciencia no ofensivo, acertar en decisións diante. Temos situacións de poder marcar pero fáltanos a decisión final de acertar ben. Se logramos iso podemos gañar o partido facilmente".