RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Cinco xogadores do Dépor e dous do Fabril están desde hoxe luns coas súas seleccións nacionais

Cinco xogadores do Deportivo (Borges, Andone, Pantilimon, Valverde e Schär) e dous do Fabril (Ismael Díaz e Francis) incorporáronse hoxe luns 6 de novembro á disciplina das súas respectivas seleccións nacionais.

Schär con Suíza pelexará polo Mundial contra Irlanda do Norte

O deportivista Fabian Schär e a súa selección, Suíza, pelexará contra Irlanda do Norte por un billete para o Mundial de Rusia 2018. Será en formato de eliminatoria de ida e volta.

O partido de ida xogarase o xoves 9 de novembro no Windsor Park de Belfast (Irlanda do Norte, 19:45, hora local); e a volta o domingo 12 de novembro (18:00 horas) no St. Jakob Park de Basilea (Suíza).

O central branquiazul foi titular indiscutible en toda a fase de grupos, na que Suíza acabou segunda do grupo 2, igualado a 27 puntos coa primeira clasificada, Portugal, pero con peor diferenza de goles que os lusos.

Romanía conta con Andone e Pantilimon

Os futbolistas branquiazuis Florin Andone e Costel Pantilimon foron convocados para dous partidos amigables da súa selección, Romanía.

Os encontros serán ante Turquía na cidade romanesa de Cluj o xoves 9 de novembro, e o martes 14 de novembro en Bucarest fronte a Holanda.

Romanía quedou fóra da próxima edición do Mundial, en 2018 en Rusia, ao quedar clasificada en cuarta posición no seu grupo, por detrás de Polonia, Dinamarca e Montenegro.

Nixeria cita por primeira vez ao gardameta Francis Uzoho

Francis Uzoho, gardameta que recentemente debutou en partido oficial coa camiseta do RC Deportivo, foi chamado por primeira vez pola selección de Nixeria, para o último encontro de clasificación para o Mundial de Rusia 2018 e un amigable.

Francis foi convocado pola Federación de Nixeria para os partidos ante Alxeria e Arxentina, os días 10 e 14 de novembro, respectivamente.

Nixeria, xa clasificada para a fase final da Copa do Mundo do próximo verán, pechará a liguiña eliminatoria fronte a Alxeria no estadio Chahid Hamlaoui de Constantina (Alxeria) o venres 10 de novembro. O martes 14 de novembro disputará un amigable ante Arxentina no Krasnodar Stadium, en Krasnodar (Rusia).

O fabrilista Ismael Díaz, coa selección de Panamá

Hernán Darío Gómez, seleccionador de Panamá, convocou ao xogador do Fabril Ismael Díaz para dous partidos preparatorios para o Mundial de Rusia 2018.

Así, o xoves 9 os panameños mídense a Irán (19:30) no UPC-Arena de Graz (Austria).

O martes 14, Panamá visita a Gales, no City Stadium de Cardiff ás 19:45 (hora local).

España será un dos rivais de Celso Borges

Celso Borges e a súa selección, Costa Rica, tamén clasificada para o Mundial, disputará dous amigables en Europa.

O primeiro deles será o sábado 11 de novembro no Estadio de La Rosaleda de Málaga (21:30 horas) ante España.

E o martes 14 de novembro, os 'ticos' visitarán a Hungría, no Estadio Ferenc Puskas de Budapest (20:15, hora local).

Dous partidos amigables para Fede Valverde e Uruguai, ambos en Europa

Do mesmo xeito que Celso Borges, Fede Valverde aforrarase un longo desprazamento a Sudamérica neste próximo parón ligueiro, debido a que a súa selección, Uruguai, xa clasificada para o Mundial de Rusia, disputará dous partidos amigables en Europa.

O primeiro deles será ante Polonia, en Gdansk, o venres 10 de novembro (20:45 horas), e o segundo fronte a Austria, no estadio Ernst Happel de Viena, o martes 14 de novembro (20:45 horas).