RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Citas internacionais mañá martes para Athenea, Stephannie Blanco e Noelia Bermúdez

- Foto: @SeFutbolFem -

Tres futbolistas do Deportivo ABANCA teñen compromiso mañá martes 15 de xuño coas súas respectivas seleccións nacionais: Athenea del Castillo, Stephannie Blanco e Noelia Bermúdez.

A elas hai que sumar a Eva Dios, citada pola selección española sub-19 a pasada semana para uns adestramentos na localidade alacantina de Alfaz del Pi.

Athenea mídese con España a Dinamarca

Athenea del Castillo está concentrada na localidade segoviana de Los Ángeles de San Rafael con motivo de dous partidos amigables da selección española absoluta aproveitando a data FIFA deste mes de xuño.

Dinamarca, a partir das 19:30 (#Vamos) no Municipal de Santo Domingo en Alcorcón será o segundo compromiso co combinado nacional para a atacante do Deportivo ABANCA.

A selección española mediuse a Bélxica o pasado xoves 10 de xuño tamén no Municipal de Santo Domingo en Alcorcón. Venceron claramente as españolas (3-0) e Athenea non chegou a saltar ao terreo de xogo.

A dianteira branquiazul, que recibiu en marzo o premio Fútbol Draft de Oro 2019-2020 como interior dereita pola súa irrupción en Primera Iberdrola a pasada temporada, fixo historia o pasado 23 de outubro de 2020 no Estadio de La Cartuja de Sevilla ao converterse na primeira xogadora do Deportivo ABANCA en debutar na selección española absoluta, e con tan só 19 anos.

Stephannie Blanco e Noelia Bermúdez, de novo ante Guatemala

A segunda cita da selección de Costa Rica ante Guatemala para as dúas xogadoras do Deportivo ABANCA será ás 10:00 (18:00 en España), esta vez no Complejo Deportivo Fedefútbol Plycem.

Deste xeito, o combinado 'tico' prepara as eliminatorias mundialistas que arrancarán a finais de ano.

O primeiro dos partidos ante Guatemala foi onte domingo 13 de xuño no Estadio Nacional, xusto o día en que a Federación Costarricense de Fútbol cumpriu 100 anos. A selección feminina volveu pisar a catedral do fútbol 'tico' despois de 8 anos sen facelo, co obxecto de festexar tal efeméride.

Stephannie Blanco saíu no once inicial no triunfo 'tico' (3-1), e foi relevada no transcurso da segunda metade por Fabiola Villalobos. Por contra, a gardameta branquiazul Noelia Bermúdez non tivo minutos.