RCD / NOVAS

Clarence Seedorf cre que esta noite o equipo deu "un paso importante"

23/02/2018 23:42

Clarence Seedorf manifestou na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR que o partido estivo "igualado no primeiro tempo, poucas ocasións. No segundo tempo vimos o que os rapaces fixeron. Ese é o camiño. Xogando así, con esta intensidade, con estas chegadas, crendo nas xogadas é unha cuestión de tempo que as cousas cambien. Foi un paso importante".

Insiste en que "hai moitas cousas boas para sacar hoxe. Hai que ser positivo na vida. Desde mañá con máis ganas, con máis forza, con máis enerxía imos traballar para o próximo partido".

O técnico holandés asegura que deste encontro "imos sacar moita moral, moita forza para seguir traballando. A reacción da afección foi fantástica, a afección estivo fantástica durante o partido. Axudou moito ao equipo, o equipo respondeu. É unha boa base para seguir adiante".

Explicou a reunión que mantivo cos seus futbolistas ao acabar o encontro no círculo central do terreo de xogo: "Quería esperar a reacción da afección en casa, que aplaudiu. Foi importante mostrar esa unión que hai, cada día máis unión como grupo, con intención de facer as cousas sempre mellor".

Preguntado polo estado anímico de Lucas após fallar o penalti, Seedorf subliñou que "fixo un gran partido. Loitou enormemente para o equipo, fixo xogadas de calidade. A afección aplaudiulle varias veces durante o partido. Eu quérolle dar un bico".

Pola súa banda, Quique Sánchez Flores, técnico espanyolista, indicou que no primeiro tempo "estivemos ben, controlamos a situación. Tivemos a pelota, o control das situacións. E na segunda parte non fomos capaces de manter a liña do primeiro tempo. Perdemos a pelota moi fácil. Non nos deu para ir a campo contrario. Eles atoparon aos 3 puntas e cando os atopan son un equipo que ten unha calidade brutal".

Recoñeceu neste sentido que "se nos fixo bastante longo o segundo tempo".

Máis novas de: SEEDORF