RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Claudio Beauvue: "O Dépor é un histórico e todos xuntos sacaremos isto adiante seguro"

Claudio Benoît Beauvue (Saint-Claude, Guadalupe, 16 de abril de 1988) foi presentado esta mañá en Abegondo como novo xogador do RC Deportivo.

En primeiro lugar o novo dianteiro deportivista posou para os medios gráficos no campo principal de Abegondo, acompañado por Richard Barral.

A continuación, xa na sala de prensa, agradeceu o seu recibimento na Coruña: "Todo o mundo recibiume moi ben. Síntome como un xogador parte desta familia do Dépor. Co ambiente que había o outro día en ABANCA-RIAZOR non parecía un equipo que está en Segunda. O Dépor é un club histórico e na situación que estamos, todos xuntos, mesmo vós connosco, nos momentos difíciles, temos que axudarnos e sacaremos isto adiante seguro".

Nota na Coruña que "os xogadores non pensan na posición que estamos agora, pero si que cada partido hai que gañar. Iso é importante. Non meterse a presión para salvar ao Club, que sabemos que é o obxectivo máis grande. A única forma de saír é partido a partido. Gañar, gañar e gañar".

Fisicamente asegura atoparse ben: "Estaba co grupo adestrando pero non podía xogar como sabedes. Prepareime como sempre. Síntome bastante ben. O que importa é xogar as fins de semana e aí podía coller ritmo".

Non lle deu máis importancia ao ocorrido en ABANCA-RIAZOR o domingo ante o Cádiz CF, cando estaba a piques de debutar pero Fernando Vázquez tivo que substituír no último instante a Nolaskoain, tocado, por Álex Bergantiños: "Son cousas que adoitan pasar. É o fútbol. O máis importante é que o equipo gañou 3 puntos moi importantes. Iso dános confianza e podemos seguir cada partido".

Vese no equipo como "dianteiro", aínda que deixa a decisión final ao técnico, Fernando Vázquez. Precisamente do técnico, aínda que "non o coñezo ben, paréceme que está a facer un grupo forte. Unha idea de estar todos xuntos no campo e fóra. E iso é importante".

Aínda que recoñece pasar nos últimos meses malos momentos por non xogar, advirte que "nacín nunha illa. A vida é dura. Deus pon probas no camiño que debes superar. Confórmome aínda que está difícil, pero confórmome".

Explica que a súa chegada ao Dépor foi "difícil e dura. Moitas semanas tentando facelo. Cando me decatei, dixen ao meu representante que non quería saber nada máis doutros equipos nin do estranxeiro. Estaba á beira. É o Dépor, un equipo histórico".

Na súa opinión, o proxecto do Deportivo "é un paso adiante" na súa carreira deportiva, a pesar de pasar de Primeira a Segunda. "Vimos que o Club está a dar un paso. Para min persoalmente vir ao Dépor, salvar ao Club do descenso, sería unha etapa na miña carreira importante. Deixar a un Club tan grande onde se quere manter, a xente acordarase de ti", apunta.

Neste sentido, subliña o porqué decidiuse pola aposta do Deportivo: "Vendo a miña situación no Celta, a única oportunidade, a única confianza que me daba un Club era o Dépor. Era o único que me quería xa".