RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Çolak: "Chamoume o Dépor e non o pensei, decidín volver á miña casa"

Emre Çolak (Istambul, Turquía, 20 de maio de 1991) foi presentado esta mañá como novo xogador do RC Deportivo até final de temporada.

O internacional turco posou en primeiro lugar coa súa camiseta acompañado polo Presidente Juan Antonio Armenteros, no campo principal da Cidade Deportiva.

Xa na sala de prensa, o máximo dirixente branquiazul confirmou que desde o punto de vista burocrático "está todo okey" para a súa reestrea coa camiseta branquiazul. De feito, subliñou que "o límite salarial aínda non. Esperamos a que esta tarde asinaremos o acordo con ABANCA e a partir de mañá xa estea todo. De todas as maneiras temos unha pequena marxe. Hai que pensar tamén nas saídas. Son uns días en Nadal... Estamos en permanente contacto con LaLiga pero hai que entender as datas: vacacións de persoal..."

Çolak asegurou que está "feliz por estar aquí, de volta a casa. Vou poñer o mellor da miña parte para o equipo. Grazas a todos os que fixeron posible esta fichaxe".

Conta que "tiña algunhas ofertas. Richard (Barral) chamoume e díxome que había que axudar ao Dépor. Despois desa chamada non o pensei máis e decidín volver á miña casa. Teño moito respecto a esta cidade, a este Club. Esta é a miña casa. Vou poñer o mellor da miña parte".

Tamén advertiu que, após dialogar con Fernando Vázquez, non estará en Soria e "a partir do 12 empezarei a xogar". "Estou ben pero fáltame un pouco adestrar co equipo. Oxalá poida estar preparado o máis pronto posible" engade.

De Segunda División, admite que non coñece moito, "pero coñezo a cidade, o equipo". É máis, indica que se atopou un vestiario no que "todos me deron a benvida. Xa coñezo a algúns. Falo castelán máis que antes e non será problema para min adaptarme a eles". "Son galego", conclúe Çolak en perfecto español, esta vez sen apoiarse en Batu.

Cre que é posible salvarse do descenso: "Seguro que si. Imos poñelo todo no campo e imos salvar ao Dépor".

Aínda que confesa non falar con Celso Borges, que pasou o fin de ano na Coruña, Emre expresa o seu desexo de que "oxalá veña".

Após repasar os últimos partidos do Deportivo, "puiden ver en que rendemento está o equipo. Esta situación pódelle pasar a todos os equipos. Temos moitos partidos para saír. Se gañamos 2 ou 3 partidos seguidos, o ambiente vai cambiar moito".