RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Çolak e Uche entran na lista de convocados para o partido no Carlos Belmonte

Ao concluír o adestramento desta mañá en Abegondo, Fernando Vázquez citou a 18 futbolistas para visitar ao Albacete Balompié no Estadio Carlos Belmonte mañá domingo 26 de xaneiro (16:00 horas, Movistar LaLiga).

As novidades son o regreso de Emre Çolak, após cumprir un partido de sanción ante o Cádiz CF, e de Uche Agbo, que se estrea nunha citación despois de reforzar ao equipo esta mesma semana.

Do nixeriano comentou Fernando Vázquez en rolda de prensa que "ten opcións de ser titular, se non, non o levaría. Xogou bastantes partidos este ano. A nivel de peso está perfecto. Lévoo porque nos pode axudar".

Quedan fóra da convocatoria de maneira obrigada Peru Nolaskoain, sancionado por acumulación de amoestacións; e os lesionados Salva Ruiz, Christian Santos e Koné, ao que se referiu Fernando Vázquez en rolda de prensa: "Tivo febre toda a semana. Non está para xogar un partido completo e, por tanto, prefiro que quede aquí mañá e adestre".

Tamén aclarou a situación de Luis Ruiz, que estivo varios días desta semana con adestramento específico pero que, após adestrar onte venres e hoxe con normalidade, está entre os elixidos para Albacete: "Ten unhas pequenas molestias. Hoxe atopouse perfectamente. Por necesidades de guión, nesa banda esquerda estamos un pouco coxos sen Salva, decidimos que viaxase. Esas molestias que pensabamos que lle podían afectar, que lle podían impedir ser funcional para o fútbol, parece que non o están facendo. Está a atoparse ben. Está para ser titular se non, non o levaría".

No adestramento de hoxe, que contou coa presenza de Hugo Vallejo por primeira vez, o técnico deportivista, após un quecemento e rondos, dispuxo de varias tarefas tácticas con e sen porteiro, ademais de fútbol en espazo reducido, de alta intensidade.

Precisamente de Hugo Vallejo comentou Fernando Vázquez que "é un xogador de banda que no Deportivo non temos. É unha peza que dentro dun cadro é importante tela, tanto en banda dereita como en banda esquerda. É un rapaz dereito que lle gusta xogar pola esquerda. É un profundizador até a liña de fondo, pase atrás. É un regateador, un velocista".

O equipo viaxa este mediodía, con esta folla de ruta:

Sábado 25 de xaneiro
16:20: Saída do voo do Aeroporto da Coruña con destino ao Aeroporto de Madrid - Adolfo Suárez
17:45: Traslado en autocar a Albacete
20:45 (horario aproximado): Chegada a Albacete e aloxamento no Gran Hotel Albacete

Domingo 26 de xaneiro
16:00: Albacete Balompé - Deportivo, no Estadio Carlos Belmonte
Ao concluír, desprazamento en autocar a Madrid
22:00 (horario aproximado): Chegada e aloxamento no Hotel Tryp Airport Suites

Luns 27 de xaneiro
10:15: Saída do voo do Aeroporto de Madrid - Adolfo Suárez con destino ao Aeroporto da Coruña
11:30 (horario aproximado): Chegada ao Aeroporto da Coruña