RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Comezou a eLaLiga Santander con representación deportivista

O Palacio de Neptuno de Madrid vestiuse de gala para dar a benvida aos 34 clubs que participan durante esta temporada en eLaLiga Santander, a competición oficial de EA SPORTS FIFA 20 en España.

Representantes de cada un dos 34 clubs de LaLiga Santander e LaLiga SmartBank que participan esta temporada na competición de esports de LaLiga, acudiron para arroupar aos seus respectivos xogadores na súa presentación en sociedade e acompañáronos no momento de entrega das camisetas oficiais de cada un dos clubs.

Javier Tebas, presidente de LaLiga, afirmou que: "A implicación dos clubs neste proxecto, que arrincou hai tan só tres temporadas, foi vital para o desenvolvemento e o crecemento deste proxecto. Con esta competición LaLiga pretende conseguir achegar os valores positivos do fútbol comprometéndose coa innovación tecnolóxica e penetrándose nun mundo dixital". Nicholas Wlodyka, director xeral de Electronic Arts (EA Sports), que é o partner oficial de eLaLiga Santander desde hai xa dúas temporada destacou a alianza estratéxica entre dúas grandes marcas como LaLiga e EA: "vemos nos esports e nos xogos competitivos un complemento ao fútbol tradicional e unha oportunidade tanto para LaLiga como para nós. Xa sexa a través da competición, como sendo un espectador, ou sendo ambas as cousas, eLaLiga Santander ofrece novas formas para que os fans gocen do fútbol nun medio totalmente diferente".

Após a presentación, a competición arrincou esa mesma tarde no Palacio de Neptuno co primeiro torneo presencial desta temporada no que participarán os 16 mellores xogadores dos drafts dos 34 clubs que se disputaron durante as últimas semanas. Entre eles un dos dous xogadores do Dépor, Nacho Abella, que se cruzou en oitavos de final co Alcorcón. Após lograr remontar un 0-3 ao descanso e forzar a quenda de penaltis, o xogador deportivista caeu nos lanzamentos desde o punto fatídico por 1-3. O Atlético de Madrid, representado por AndoniiPM, gañou este primeiro torneo da temporada na final ante JRA do Real Racing Club.

As seguintes citas competitivas terán lugar do 2 ao 6 e do 16 ao 20 de marzo no Primeiro e Segundo Torneo Online onde poderán participar tamén todos aqueles xogadores amateurs inscribíndose na web da competición.

Os 16 xogadores que ocupen os primeiros postos da táboa de clasificación para entón acudirán ao torneo presencial Mid Season do 1 de abril, que acollerá a cidade de Barcelona. Do 13 ao 16 de abril disputarase o Terceiro Torneo Online, para coñecer aos 16 finalistas que chegarán á Gran Final do 9 de maio en Madrid. Ese día só un xogador subirá a recoller o trofeo de campión de eLaLiga Santander 2019/2020, e será quen leve os 40.000 € de premio, do total de 100.000 € que se repartirán nesta competición.

Todos os torneos retransmitiranse en streaming a través das canles propias da competición en YouTube (www.youtube.com/elaliga) e Twitch (www.twitch.tv/elaliga), e tamén a través de Facebook Live de Laliga, LaLiga.com e LaLiga SportsTV.