RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Comunicado do Real Club Deportivo

Esta tarde reuniuse de urxencia e con carácter extraordinario o Consello de Administración do Real Club Deportivo de La Coruña, SAD. Á vista das informacións coñecidas no día de hoxe, o máximo órgano de goberno do Club, quere mostrar a súa profunda sorpresa, absoluta decepción e total indignación ante o arquivo da causa que investiga o asasinato de Francisco Javier Romeu Taboada "Jimmy".

Con absoluto respecto á xustiza, neste caso no que un cidadán coruñés e seguidor deportivista foi asasinado, queda patente o rotundo fracaso da mesma ao pecharse o procedemento sen que se determine quen ou quenes son os culpables. En pouco máis de dous anos pasouse dunha posición tallante por parte de todas as autoridades competentes para tratar de solucionar o caso á desidia e impunidade polo sucedido en Madrid.

O resultado deste caso mostra ademais o desequilibrio existente entre a impunidade ante un asasinato e a persecución sistemática mediante propostas de sancións que están a recibir os seguidores e o propio Deportivo cando o Club e os seus afeccionados foron exemplares durante todo este proceso, cumprindo fielmente todas as disposicións normativas para erradicar a violencia dos campos de fútbol.

Como comunicou o Real Club Deportivo o 2 de decembro de 2014, dous días despois do suceso, o Club sempre manifestou a súa "esixencia ás autoridades para que non descansen ata deter aos responsables do asasinato do domingo en Madrid, para que este crime non quede impune". Á vista do anunciado hoxe, só nos queda, en nome dos deportivistas, mostrar a nosa solidariedade con toda a familia e amigos de Jimmy e o noso apoio nas accións que poidan levar a cabo de agora en diante co xusto obxectivo de que, nun estado de dereito, haxa, nalgún momento: "*xustiza para Jimmy".