RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Comunicado do Real Club Deportivo

O Real Club Deportivo quere pedir sinceras desculpas a todos os Socios Protectores que solicitaron unha entrada para o partido do próximo domingo e que, durante esta semana, terán que realizar unha compra presencial das súas entradas para poder acudir ao encontro, polas esperas e colas que se están producindo durante o proceso.

Todos os profesionais do Deportivo están a realizar o maior esforzo posible para minimizar as molestias aos socios do Club ante un procedemento que, a día de hoxe, non se pode realizar doutro xeito. Actualmente o Club non está dotado dos recursos técnicos suficientes para poder responder á casuística xerada pola redución de aforamento do Estadio que obriga á venda de entradas personalizadas de localidades determinadas. Desde o Club está a traballarse para implementar canto antes a solución tecnolóxica que permita realizar este proceso de forma completamente telemática, pero o soporte actual non o permite.

Por iso, o Real Club Deportivo puxo todos os recursos humanos e técnicos actualmente ao seu alcance para poder axilizar o servizo, duplicando os postos de atención ao deportivista, pasando de 3 a 6 portelos, ampliando o horario inicialmente establecido até atender ao todos os socios en espera e despachando, só en media xornada, tantas entradas como no día de venda completa que máis entradas se venderon na historia do Club.

Reiterando as desculpas polas colas e as esperas, o Real Club Deportivo quere tamén agradecer a todos os socios que ao longo do día de hoxe pasaron pola Oficina de Atención ao Deportivista, o gardar todas as medidas de protección e distanciamento social esixidas, o que provocou que as colas chegasen a puntos nunca antes coñecidos a pesar de que a velocidade de atención fose superior á habitual. Unha atención retardada, iso si, pola esixencia do protocolo COVID de que con cada unha das entradas despachadas haxa que identificar o socio e deixar constancia da fila e asento que adquire para poder facer un rastrexo de utilización en caso de positivo.

Desde o Real Club Deportivo esperamos poder mellorar o servizo de cara a futuros partidos e alcanzar canto antes a dixitalización necesaria para que todos os socios que o requiran poidan completar todos os trámites de reserva, pago e emisión de entrada desde os seus dispositivos electrónicos, acudindo unicamente ao Estadio ABANCA-RIAZOR para ver os partidos.

Deportivistas, grazas de novo pola vosa desbordante resposta, ante a que esperamos estar á altura en próximas ocasións.