RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Confiamos plenamente en todos os que formamos parte deste proxecto", di Carlos Fernández

Carlos Fernández compareceu na sala de prensa de Abegondo esta mañá, despois do adestramento matinal do Deportivo.

Na recta final da súa recuperación, quixo agradecer en primeiro lugar publicamente "o trato humano que me deron todas as persoas do Club, desde o Presidente, Carmelo del Pozo, o míster, todos os meus compañeiros. Independentemente do profesional entendéronme persoalmente, axudáronme e foron unha peza fundamental para recuperar o meu estado ao 100 por 100".

Non busca culpables nin causas na súa lesión: "Son cousas do fútbol. Estamos expostos a lesionarnos. Tocoume a min. Ante este tipo de problemas o fundamental é poñer unha boa solución. Traballamos duro para iso. Foron unhas semanas e uns meses duros. Un sempre quere estar dispoñible, quere axudar e achegar o seu gran de area. Feliz por estar de volta e por ter boas sensacións como até o momento".

O dianteiro andaluz non se ve "nin moito menos como un salvador. Oxalá que podamos reverter a situación entre todos porque traballamos moitísimo, confiamos plenamente en todos os que formamos parte deste proxecto. Temos as ideas claras. Ao final ninguén dixo que fose fácil. Desde o principio de temporada, cando parecía que en Nadal iamos estar en Primeira División, as palabras eran as mesmas, que había que ter tranquilidade porque era unha liga complicada, fodida e que podían vir momentos malos. Agora estamos nun momento deses, quizais o máis duro da temporada".

Non cre que "o equipo me necesitase a min para gañar ou para conseguir bos resultados. Cada compañeiro está preparado para achegar, para axudar. Eu son só un xogador máis do cadro que veño achegar o meu gran de area desde onde me toque. Tentaremos facer un bo partido e traernos os 3 puntos" este domingo 31 de marzo do Carlos Tartiere de Oviedo (18:00 horas, Movistar Partidazo).

Avoga por "seguir traballando, seguir confiando en cada un dos compañeiros que temos á beira, no corpo técnico, en toda a Dirección Deportiva, en Carmelo, en todos, e tirar para adiante".

Nesta recta final, lembra Carlos que "cada partido é un mundo. A xente que está abaixo ten a necesidade de gañar para salvar a categoría. A xente que está arriba ten a necesidade de gañar para tentar o obxectivo do ascenso directo ou meterse en playoff. Hai que pensar no que temos diante que é o Oviedo. Se nos poñemos a pensar en se perde o outro, se gaña este... equivocariámonos. Témonos que centrar en nós e sumar de 3 en 3 o máximo posible".

Aínda que recoñece que "está máis complicado que se falamos de hai uns días, isto é fútbol. E se nós mesmos, faltando 11 xornadas, perdemos a fe, apaga e vámonos. Hai que crer. Eu son unha persoa moi positiva, moi optimista".