RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Confío cento por cento no grupo, en todos os que estamos aquí para sacar isto adiante", asegura Andone

Florin Andone foi o protagonista na sala de prensa de Abegondo este mediodía.

O dianteiro branquiazul lembra que quedan 11 partidos para finalizar a competición ligueira: "Vou dicir o mesmo. Confío cento por cento no grupo, en todos os que estamos aquí para sacar isto adiante. É que o imos a sacar. Non o digo por dicir".

Ve Andone que "se está traballando moito, hai moito potencial. Se limamos cousiñas pequenas, puntuais, seguro que sairemos de aí".

Asegura que antes do que fagan os rivais pola permanencia, a súa preocupación é "o Deportivo. Nós temos que mirar por tentar facer máis puntos que os rivais para saír de aí. Ao final o que si podes facer é traballar e tentar sacar isto adiante. Pero non podes ou non está nas túas mans o que fagan Las Palmas, o Málaga ou o Levante".

Admite que "non é fácil xogar nesta situación, sabendo que estás en descenso, que o teu equipo necesita dos de arriba, que marquen un pouco a diferenza. Ao final un pouco de presión si que tes. Estás a xogarte toda a temporada, todo o grupo, pero non só eu, Adrián ou Lucas, senón todo o cadro. Estamos nunha situación que sabemos que temos que saír si ou si. Cada partido temos que gañalo si ou si. Sempre saes un pouco con ese plus de nerviosismo, pero é fútbol".

El non se engurra, é máis, avisa que "nestas situacións teñen que saír os homes de verdade, e os que os teñen grandes teñen que sacar isto adiante. É así. O que non poida coa presión, que non xogue. Pero todos estamos capacitados. Somos profesionais dos pés á cabeza e isto ímolo a sacar adiante seguro. A xente está a arrimar o ombreiro, todo o mundo está moi comprometido".

Recalca que "o que segue traballando e o que a segue buscando, ao final ten a súa recompensa. E nós ímola buscar até o final e ímola ter".

Por este motivo, o pasado sábado ante o Eibar, "saín moi orgulloso cos meus compañeiros porque o deron todo, unha actitude moi boa, con 10 xogadores, nada que reprochar a ninguén, incrible. As sensacións que nós temos ao final do partido é de entrega, de sacrificio, de poñerse en lugar do outro e traballar, axudar. Ese é o camiño. Seguro que pronto imos gañar e a facer os puntos necesarios para saír de aí".

Preguntado pola súa reacción ao ser substituído nese último partido, confesa que "me equivoquei moitas veces polo meu carácter. Pero está todo está falado, todo correcto, todo entendido. Espero que non o volva a facer porque é unha falta de respecto para o adestrador e os meus compañeiros. Nese momento estaba moi quente porque queres axudar, queres estar aí para tentalo até o final. Un non pensa en máis cousas. Daquela analizándoo en frío equivoqueime e xa o falei con quen o tiña que falar. Pedín perdón".

Do encontro ante o Eibar, destacou as "4 ocasións clarísimas en 30 minutos. O sistema e todo o que traballamos durante a semana deu os seus froitos e o equipo viuse moi convencido de ir gañar o partido. Logo falabámolo no vestiario. Sentiamonos moi superiores, a primeira parte sobre todo, até a expulsión. A expulsión modifica o sistema e tes que cambiar todo. Estivemos a falar entre nós e os primeiros minutos xogamos moi ben, moi seguros, con moito criterio, chegando, tiñamos ocasións..."

Sobre Clarence Seedorf e os seus métodos de traballo, explica que "ao final o que o equipo necesitaba era un cambio de todo porque a dinámica era negativa. Segue sendo negativa pero creo que se mellorou moitísimo. O equipo está a atopar ese plus que necesita. O míster como xogador xogou non sei cantos partidos, case 1.000 partidos, gañou todo o que gañou. Respectamos ao cento por cento todo o que el decida, os grupos que adestra, cando adestra, as veces que adestramos, os hoteis, as viaxes... todo. El decide, el manda, nós respectámolo e o que queremos é tentar poñer toda a nosa disposición para saír desta situación e sacar isto adiante. Ao final non hai ninguén aquí que xustifique nada, nin que poña pegas para nada. É o adestrador, é o que manda e cando el decide adéstrase".

Engade Andone que "estamos a traballar moito especificamente coas liñas de cada posición. Eu como dianteiro, a min todos os consellos que el (Seedorf) dáme valóroos moitísimo, os movementos que eu fago, as pausas que teño que facer. Ao final só fáltame a min tela, pero as ocasións téñoas".