RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Costa Rica, con Celso Borges, tamén supera a Xamaica e acaba primeira de grupo na Copa de Ouro da CONCACAF

- Foto: @GoldCup -

A Costa Rica de Celso Borges, xa clasificada para os cuartos de final da Copa de Ouro da CONCACAF, superou tamén a Xamaica (1-0) e logrou a primeira posición do grupo C, con nove puntos de nove posibles.

O encontro, correspondente á terceira e última xornada desta primeira fase, disputouse no Explora Stadium de Orlando esta pasada madrugada en España aínda que algo máis tarde do programado. O choque tivo que ser detido aos 2 minutos de iniciarse debido a unha forte tormenta eléctrica e foi retomado máis de dúas horas despois.

Luis Fernando Suárez, seleccionador 'tico', deu descanso de inicio a Celso Borges posto que Costa Rica xa obtivera o pase a cuartos. O mediocentro deportivista, titular e autor dun gol en cada un dos dous primeiros partidos fronte a Surinam (1-2) e Guadalupe (3-1), saíu esta vez ao terreo de xogo no minuto 64.

Tivo que traballar arreo o futbolista do Dépor, posto que no minuto 72 foi expulsado o meta Leonel Moreira, co que Costa Rica afrontou o último tramo do partido con dez xogadores.

Celso Borges segue batendo marcas coa Tricolor ao disputar o seu partido número 24 na Copa de Ouro da CONCACAF, equivalente á Eurocopa ou a Copa América, repartidos en seis edicións desde 2009.

Canadá será o rival de Costa Rica nos cuartos de final, este próximo domingo 25 de xullo ás 18:00 (hora local, 1:00 do luns 26 en España) no AT&T Stadium de Arlington, no estado de Texas.

O calendario de Costa Rica, cos resultados dos partidos xa xogados, é o seguinte:

Luns 12 de xullo
COSTA RICA 3 - GUADALUPE 1

Venres 16 de xullo
SURINAM 1 - COSTA RICA 2

Martes 20 de xullo
COSTA RICA 1 - XAMAICA 0

Cuartos de final
Domingo 25 de xullo (18:00 hora local, 1:00 do sábado 26 en España)
COSTA RICA - CANADÁ