RCD / NOVAS

Cris, segunda 'centenaria' do Dépor ABANCA

01/03/2021 16:41

Cris Martínez converteuse onte na Ciudad Deportiva Fundación Rayo Vallecano na segunda futbolista do Deportivo ABANCA en alcanzar o centenar de partidos en competicións nacionais.

Cris está na súa quinta campaña no Dépor ABANCA e é a única xogadora do actual cadro que xogou o primeiro partido oficial do equipo, o 4 de setembro de 2016 en Ponte dos Brozos (Arteixo) ante o Oviedo Moderno CF.

Nestas catro temporadas e media, a astorgana disputou 35 partidos en Primera Iberdrola, 59 en Segunda División Nacional, 4 na promoción de ascenso á máxima categoría e 2 en Copa da Raíña.

A primeira deportivista en superar os 100 partidos foi Gaby, que trala visita ao Rayo Vallecano suma 103. Do mesmo xeito, Iris alcanzou en Madrid os 92 encontros oficiais, igualando a Teresa Abelleira, mentres Peke xogou o seu partido número 91.