RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Cristóbal: "Estou convencido e seguro que este equipo vai saír adiante"

Cristóbal Parralo compareceu ante os medios informativos esta tarde, na sala de prensa de Abegondo, nada máis finalizar a súa segunda sesión de adestramento co Deportivo, e en vésperas de estrearse no banco do Estadio ABANCA-RIAZOR.

Asegura ter "moita tranquilidade e confianza no traballo tanto meu como do corpo técnico. Estou convencido que as cousas van ir ben. E así o transmitimos ao equipo. Estou convencido e seguro que este equipo vai saír adiante".

É máis, advirte que chega a LaLiga Santander, previo paso primeiro pola Copa do Rei mañá xoves 26 de outubro ante Las Palmas (20:30 horas, Bein LaLiga), consciente de que os "adestradores sempre traballamos con presión. Iso hai que aceptalo. E se nos dedicamos a isto sabemos que isto é así. Non teño ningún medo. Sei que traballo para tentar gañar cada partido. Despois están os rivais, estamos nós, se estamos máis acertados, menos acertados".

Quere que "o equipo teña unha identidade, que sexa reconocible, que saibamos todos ben claro o que temos que facer no campo. Iso é para min o máis importante".

Promete o técnico deportivista tentar "que a xente, que a afección, estea connosco e síntase orgullosa deste equipo".

Loxicamente gran coñecedor do cadro do equipo filial, ao que deixa á fronte do grupo 1º da Segunda División B, apunta que a súa achega ao Deportivo estará "en función das necesidades que teña o primeiro equipo. Hai un cadro amplo no primeiro equipo. E o que hai que facer é xestionalo da mellor maneira. E a partir de aí cando vexamos que hai necesidades e oportunidades para eles, seguro que as van a ter".

Do rival por partida dobre, a UD Las Palmas, indica que "non vén nunha dinámica moi boa pero ten xogadores de moitísima calidade. Un equipo con alto nivel técnico, que de mediocampo para adiante ten xogadores moi desequilibrantes. Xoga ben ao fútbol e imos tentar estar o máis encima posible deles para que non teñan esa oportunidade de xogar ben".

Co partido da 10ª xornada de liga, tamén ante Las Palmas, no horizonte (luns 30 de outubro ás 21:00 horas no Estadio Gran Canaria), Cristóbal subliña que "só penso no de mañá. Agora o importante é mañá. A partir de aí xa valoraremos en que condicións chegamos ao partido do luns".