RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Cristóbal pide aos seus xogadores que sexan un equipo "serio, comprometido, xunto, que saiba o que quere"

Cristóbal Parralo confesou esta mañá na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR, unha vez finalizado o mercado de fichaxes, estar "contento cos xogadores que teño ao meu cargo. Son os que hai. Falouse de, se xurdía algunha posibilidade interesante para reforzar o equipo, abarcala. Viñeron dous xogadores de campo e un porteiro que seguro que van sumar. Agora a pensar no partido que temos mañá, importantísimo".

Asegurou cos reforzos chegados non estar "decepcionado, senón centrado, ilusionado co partido que temos mañá. Estou convencido que se conseguimos unha vitoria, todo vaise a ver de maneira diferente. Teño bos xogadores e o que hai que facer é sacarlles o máximo rendemento".

Para iso, cre fundamental que "esta dinámica que temos cambie e que os xogadores collan esa confianza necesaria para afrontar da mellor maneira os partidos".

Admite que o empate ante o Levante foi "un duro pau para nós. Tiñámolo moi preto e ao final acabóullenos escapando. O que nos queda é seguir tentándoo, seguir buscando esa vitoria que nos saque desa situación, e que podamos vela doutra maneira. É o que buscamos. O que necesitamos para que o equipo colla esa confianza, esa autoestima é unha vitoria".

Do rival de mañá venres 2 de febreiro en Anoeta (21:00, Bein LaLiga), a Real Sociedad, opina Cristóbal que "ten un bo cadro. Teñen a baixa inesperada (Iñigo Martínez) pero teñen xogadores dabondo para substituílo. Baixas temos todos os equipos e iso forma parte do fútbol. Nós tamén temos as nosas. Cada semana tócache competir nun tipo de condicións".

Defíneo como un equipo "competitivo, difícil. Ten un xogo asociativo importante. Ten moita velocidade de balón, desdóbranse ben por fóra. Ten xente que remata. Fixo unha temporada pasada moi boa. Este ano, como adoita pasar no fútbol, ás veces as cousas non van tan ben como un quere e afloran as críticas".

Espera pois un partido "competido, onde os dous equipos necesitamos os puntos. Eles teñen uns obxectivos, nós outros, que é saír de aí. Os dous imos tentar competir e loitar ao máximo para conseguir esa vitoria".

Pide aos seus futbolistas que sexan un equipo "serio, comprometido, xunto, que saiba o que quere. E tentar ir desde o primeiro minuto a por a vitoria".

Apunta Cristóbal que "traballamos duro esta semana para preparalo da mellor maneira e estar centrado onde podemos sumar, en cada partido. Non podemos ter a cabeza noutra cousa na que non podemos ter control".