RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Cristóbal: "Temos que estar moi motivados, saír moi activos, coas ideas moi claras"

Cristóbal Parralo asegurou na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR que ao vestiario deportivista non lle afecta a situación na clasificación do Dépor, porque "o que temos entre cella e cella é o partido de mañá e tentar gañalo. Sumar eses 3 puntos que son moi importantes e tentar darlle unha alegría á afección", conclúe sobre #ONOSODERBI de mañá sábado 23 de decembro (18:30 horas, Gol).

Nesta liña, sostén que "mañá é un partido onde hai que deixar calquera cousa que che poida condicionar, e estar centrados única e exclusivamente no partido".

O técnico deportivista advirte que "temos que estar moi motivados, saír moi activos, coas ideas moi claras e sobre todo saber xogar o derbi con cabeza. Á parte do corazón, a motivación... utilizar a cabeza e saber ler o que require o xogo en cada momento".

Puntualiza que "estamos nunha situación na que cada partido é importantísimo. Temos que competilo da mellor maneira. Hai 15 días contra o Leganés estabamos nunha situación similar ou parecida. Ata que non consigamos gañar dous ou tres partidos e ter un pouco de continuidade, a situación cada semana vai ser parecida".

Por este motivo, promete o adestrador deportivista que "imos saír a gañar o partido desde xa. Imos tentar gañalo". "Pretendo ser fiel ao meu estilo e pretendo que o meu equipo o faga. Logo sempre hai unhas pequenas variacións", matiza.

Do rival, o Celta, Cristóbal indica que "ten moi bos xogadores. Tenta dominar os encontros, ter a posesión. Ademais cando son dominados teñen unhas transicións rápidas moi perigosas. Ten bos xogadores que desequilibran. Nós somos conscientes do seu potencial, e imos tentar contrarrestalo e impoñer a nosa idea de xogo".