RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Cristóbal: "Todos somos conscientes do que nos xogamos"

Cristóbal Parralo manifestou na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR, nada máis concluír o adestramento do Deportivo previo ao encontro de mañá sábado 27 de xaneiro (13:00 horas, Bein LaLiga) ante o Levante, que o choque "non é unha final pero son 3 puntos vitais para nós, importantes. Todos somos conscientes do que nos xogamos. Como tal o afrontamos".

Asegura que "o que temos na cabeza é saír a gañar o partido. No caso de gañalo, veriamos todo de maneira diferente. Seriamos moito máis optimistas e seguro que nos axudaría a afrontar os seguintes partidos".

Espera un choque "moi competido, complicado, difícil porque os dous equipos xogámonos moito. Hai que coidar ben os detalles e tentar facer as cousas ben durante os 90 minutos para gañar o partido".

Reitera sobre o mercado de fichaxes que "viñeron dous xogadores (Koval e Bóveda) que nos enriquecen o cadro. A partir de aí o Club ten que estar aberto a calquera posibilidade que poida enriquecer o cadro".

Sobre o público que mañá sábado acudirá ao partido, Cristóbal explica que "non basta coas palabras xa. Temos que tentar darlles para que nos sigan apoiando até o final. Espero que lles deamos motivos para que se poidan sentir orgullosos de nós. Agora mesmo non estamos nunha situación para pedirlles nada con todo o que está a ocorrer e co rendemento que estamos a dar".

Iso si, "calquera cousa que faga a afección pola miña banda vai ser respectada e entendida. A pouco que lle damos algo se acende a afección e lévanos polo aire. O que hai que facer é darlles".

Preguntado pola ausencia na convocatoria de Emre Çolak, subliña que é "unha decisión técnica. Nada máis". "Houbo cousas que non me gustaron do adestramento e xa avisaramos de que o que non traballase como debía de facelo, mellor que non estivese e que non entorpecese o traballo dos demais", engadiu.