RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Curbelo, nova gardameta do Dépor ABANCA

Patricia Curbelo Socas (30 de outubro de 1994, Santa Cruz de Tenerife) é nova xogadora do Deportivo ABANCA, que reforza deste xeito a portería cunha gardameta con experiencia na Liga Iberdrola.

Curbelo, como é coñecida no mundo do fútbol, comezou a xogar aos 14 anos. Após unha brevísima experiencia como dianteira no CD Buenavista, pouco tardou en colocarse baixo paus, cando fichou polo CD Peñón de Puerto de la Cruz, hai xa 10 anos.

As súas actuacións chamaron pronto a atención dun dos mellores equipos canarios, o UD Tacuense. No club de Taco, barrio de San Cristóbal de La Laguna, Curbelo militou 8 temporadas, nas que chegou a ser a gardameta titular do ascenso á Liga Iberdrola, en 2016.

Na máxima categoría xogou a campaña seguinte, a 2016-2017, antes de marcharse ao Femarguín, equipo grancanario co que volveu xogar en Segunda o curso 2017-2018.

Curbelo comezou o actual exercicio no Sporting Plaza Argel de Alacante, club que facilitou a súa saída para poñer rumbo a un proxecto tan ambicioso como o do Dépor ABANCA.

A nova porteira branquiazul tamén xogou en diversas ocasións coa selección canaria en distintos campionatos nacionais por autonomías.