RCD / NOVAS

Dani Giménez: "Aquí tes que competir. Un día podes estar a xogar e outro na bancada ou no banco"

03/10/2018 19:44

Dani Giménez asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que no vestiario do Dépor "a xente está implicada. É unha marabilla cando metemos gol ou cando defendemos como a xente do banco apoia aos que están a xogar. A xente sabe que aquí tes que competir. Un día podes podes estar a xogar e outro día véndoo desde a bancada ou o banco".

Neste sentido o meta deportivista afirma que "hai moita competencia. Hai un cadro moi competitivo e amplo. É unha diferenza importante con outros equipos que quizais teñen un cadro máis curto ou os seus 13 xogadores titulares. Aquí non. É bo que esa competencia non repercuta en malas caras, senón nun estado de alegría adestrando e ilusión, que segundo vai pasando as xornadas, pois decrece".

Por este motivo, insiste en que aquí "estamos todos como nenos. Tentando estar alegres, levarnos ben e sobre todo pensando no partido xa desde principio de semana".

Dani subliña que "o equipo é sólido defensivamente. Achegar esa seguridade desde atrás fai que o equipo creza. Vimos nos últimos partidos como o equipo está a mellorar, como temos máis tempo o balón, atopamos mellor as posicións en ataque. Todo iso vén do traballo defensivo non só meu, senón de todo o equipo. Cando te atopas máis cómodo, estás máis seguro, fanche menos ocasións... xogas mellor ao fútbol tamén".

Tamén lembra que en Tarragona, por exemplo, "o equipo tivo personalidade. Desenvolvemos o noso xogo e coa posesión, toque de balón, con eses ataques posicionales, fixemos perigo e aproveitamos á xente de arriba. Agora conectamos máis con iso. Tendo a xente que temos aí, que pode marcar diferenzas, temos que aproveitalo".

Do Málaga, rival este domingo 7 de outubro en ABANCA-RIAZOR (18:00 horas, Movistar Partidazo), destaca a súa solidez defensiva, "como nós. Xogaron partidos que gañaron dunha maneira... ¡Segunda División! Non ten un xogo brillante até a data pero están a sacar os partidos. Teñen a xente moi boa defensivamente como N'Diaye, abarca moito campo; xente veterana como Adrián; xente que desequilibra como Pacheco ou a xente da canteira que salta con moita alegría. É un equipo que en calquera xogada pode facer gol".

Espera o domingo "un partido típico da categoría. Se nos despistamos, seguro que nos van a facer dano. Temos que seguir a dinámica dos dous partidos en casa, tentar levar o control de xogo, ter o balón, canto máis balón teñamos menos nos van a atacar. E aproveitar esas posicións de ataque, ese ataque posicional cando estean replegados que nos últimos partidos melloramos".

Opina que é "importantísimo aproveitar o factor campo. É moi diferente de xogar como local a como visitante en Segunda División. Se queres ascender tes que acurtar esa diferenza e ser protagonista en todos os campos. Temos capacidades para iso. Pero hai que facelo".

A nivel persoal, confesa que "cando xogas máis partidos, vaste atopando mellor. Vai un pouco na mentalidade ter esa regularidade, tanto cando te atopes ben como cando te atopes mal dar a sensación de seguridade. Axuda a solidez defensiva, a ilusión que tiña de vir ao Dépor, de ser importante, de xogar. Como as cousas están a saír ben, tes ese plus de confianza e de ganas de seguir xogando, e de seguir demostrando".

Máis novas de: DANI GIMÉNEZ