RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Dani Giménez atisba un "Deportivo diferente e eu espero que mellor"

Dani Giménez manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que ve ao Dépor nesta pretemporada "mellorando, tentando interiorizar as ideas do novo adestrador. E sobre todo coa mentalidade de ser un equipo moi sólido. O cadro aínda non está pechado pero a xente que está aquí ten que ter as ideas claras, o sistema de xogo sobre todo defensivamente, tentar facer esa presión alta, tentar facer que os rivais non xoguen fácil contra nós. É o que estamos a facer, que a xente se solte e xogue sen medo".

O meta deportivista subliña que o equipo chega a estes partidos amigables "cunha carga de traballo importante. Estamos a adestrar moitos días mañá e tarde para tentar comezar a temporada cunha boa preparación. E moito traballo táctico. É certo que non soubemos ter esa brillantez de xogo ofensivo pero o equipo mellorou en cada partido certos aspectos que van ser esenciais cando empece a liga. Cando cheguen os novos xogadores, vanse a atopar un equipo que vai saber ao que xoga e vai ser máis fácil para eles asimilar os novos conceptos".

Admite que esta campaña, coa saída de xogadores destacados a temporada pasada, "temos que buscar unha solidez, ser un equipo comprometido. Vai vir xente boa e veu xente boa. Xente que unha vez interioricemos o sistema, consigamos ser un bloque sólido que saiba apertar arriba e ser difícil, ser un equipo incómodo. En canto axustemos estas 3 ou 4 pezas que seguramente virán coa xente que quedamos e a xente que veu boa, será un Deportivo diferente e eu espero que mellor; porque a única maneira de conseguir o obxectivo é ser mellor que o ano pasado".

Pide valorar a cada xogador que veña "non pola importancia que se lle poida dar a priori ou polo nivel que se lle poida pensar. Vai depender do que se faga no campo. Queremos conseguir que o equipo non dependa de xogadores como a temporada pasada, que parecía que faltaba un xogador e resentiámonos demasiado".

Nesta liña, subliña que se busca que "todo o mundo saiba facer as cousas de maneira sinxela, simple, efectiva. E niso estamos. Todos os xogadores que quedamos do ano pasado temos unha espiña cravada moi grande que nos vai a servir como acicate para darnos máis forza e máis desexos de facer mellor temporada que a pasada".

Precisamente do ano pasado, lembra que a final de temporada "houbo unha comuñón espectacular entre equipo e afección. Un chasco moi grande e outra vez a afección volve responder. Os novos están encantados, están a vivir aos poucos o que é o Dépor. Agora a partir de que empece a liga vano a vivir de verdade. Iso vailles a valer para dar máis nivel do que teñen".