RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Dani Giménez lembra que "o obxectivo é a final de temporada"

Dani Giménez advertiu esta mañá na sala de prensa de Abegondo que o partido deste domingo 20 de xaneiro no Estadio ABANCA-RIAZOR ante o Albacete Balompié (18:00 horas, Movistar Partidazo) será "contra un rival directo; contra, a día de hoxe, un dos mellores equipos da categoría. Algo que xa vimos no primeiro partido de liga, cando empatamos alí".

Ve este partido como un encontro para "cambiar dinámicas, para limpar a mente e para demostrar que o Dépor ten fame".

Do conxunto manchego avisa que "ten moi bos xogadores. Ten xente arriba moi competitiva. Ten variantes, que non hai moitos equipos que poidan dicir isto. Moitas veces fáltalle un xogador pero sae outro e achega outras cousas distintas. Ten unha maneira de xogar moi definida, pero boa".

Ademais, segundo Dani, "non ten esa presión de ter que estar arriba. Poden xogar cunha certa calma que os descendidos (de LaLiga Santander) non teñen".

Insiste en que "non che tes que deixar influír un pouco cos resultados que se dan a metade de temporada polo simple feito de non estar dentro do teu obxectivo. O obxectivo é a final de temporada".

No caso do Albacete, "cando ti es un equipo revelación parece que todo vai ben dado, que todo sae ben. Como lle pasaba ao AD Alcorcón ata que tiveron esta pequena fochanca. Nós témonos que enfocar en estar sempre arriba. O Albacete pódese permitir ter un par de xornadas malas porque tal e como está a competición se gañas un par de partidos volves a meterte arriba. O estado de ánimo deles non vai a fluctuar tanto como o noso por un resultado".

Do Deportivo queda co seu vestiario, "forte, unido. Como dixen sempre, agora nestes momentos é cando se ve o forte que é un vestiario. Hai moi boa xente. Agora o que temos que ser é boa xente pero que compita, que demostre esa fame que ten por conseguir o obxectivo e por gañar partidos. Non nos podemos permitir saír a especular xa non só en ABANCA-RIAZOR senón fóra. Agora nestes momentos temos que dar un paso adiante para que o equipo contrario saiba que o Dépor poida estar un pouco ferido polo xogo e os resultados das últimas xornadas, pero é algo pasaxeiro e volveremos sacar a cabeza. Sacaremos os resultados e volverá ser todo como antes".

Finalizada a primeira volta da liga, o porteiro deportivista fixo unha valoración "boa. É certo que nas últimas xornadas, a nivel resultados e xogo, non está a ser o mellor. Pero o que falabamos desde pretemporada. Isto é unha competición moi longa, vai haber estados de ánimo, estados de forma que van influír en como xoga o equipo".

Destaca como importante que "estamos aí, pegados aos postos de ascenso directo. Esperemos que esta fochanca, a partir do domingo, quede atrás". "O importante é estar ao final nos postos de ascenso directo. Gustaríanos sempre primeiros. Pero o importante é ao final. Nestes momentos é bo que, a pesar de non estar no noso mellor momento, esteamos preto dos dous primeiros postos", engade.

Recoñece o meta galego que "as nosas sensacións non son boas polas últimas xornadas, pero non estamos peor que outros equipos que quizais con resultados positivos enmascaran todo isto. Tivemos partidos malos que gañamos e parece que nos iamos tranquilos para casa. Con todo o equipo sempre creu que tiña que traballar eses erros. E ese traballo temos que reforzalo, tentar traballar aínda máis nos aspectos negativos que ten o equipo e cambiar cousas. Empezando por gañar o domingo".

Nesta liña, explica que "nos está custando xogar contra os equipos replegados. Non atopamos os espazos. Quizais esa frescura e rapidez que tiñamos antes no xogo non a estamos tendo nas últimas xornadas. Os rivais sábeno e métense atrás. Búscannos os contraataques. Ti tamén te desesperas un pouco e deixas máis espazos para que os equipos fáganche dano".

Pide "xogar moito máis rápido o balón, ser máis verticais nos cambios de orientación, finalizar máis xogadas, volver ser fortes na estratexia. Son detalles que suman para volver estar onde estabamos antes".

Pasa, segundo o futbolista branquiazul, por "cambiar un pouco a mentalidade. Ser un pouco máis valentes do que temos que facer".

Ademais, segundo Dani Giménez, "temos que ter ese orgullo para estar por encima. Se igualamos a intensidade, a ilusión, esquecendo un pouquiño esas dúbidas individuais que poida ter a xente por non estar a facer as cousas como deberiamos nas últimas xornadas, imos ser superiores ao resto de equipos".