RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Dani Giménez: "O equipo está súper tranquilo, súper unido"

Dani Giménez foi o protagonista na sala de prensa de Abegondo, ao concluír a sesión de adestramento do Deportivo.

Un dos capitáns deportivistas admite que hai que dar un paso á fronte este domingo 10 de novembro (12:00 horas, Movistar LaLiga 1) en ABANCA-RIAZOR ante o Elche CF: "O que temos que facer é gañar. Non hai outra. O equipo mellorou en aspectos defensivos nos últimos partidos. Temos que estar igual de fortes pero co trato do balón estar mellor nas segundas xogadas, eses despexes, os contraataques... Temos xogadores rápidos para levar perigo. Ir crecendo como equipo e traballar esa base sólida que nos permita gañar non só o partido ante o Elche CF, senón todos os que veñen por diante".

A meta branquiazul lembra que o partido en Fuenlabrada da pasada fin de semana foi "moi complicado. O campo estaba moi seco, máis pequeno que ABANCA-RIAZOR. Xogas fóra de casa ante un equipo intenso, moi forte no xogo directo. Nós igualamos bastante o seu nivel. Faltounos un pouco o punto diferencial que ten que ter o Dépor, que é o trato co balón, polo menos lonxe da nosa portería. Estamos a facer un fútbol moito máis práctico, máis sinxelo, sacando de meta por exemplo. Cando me chega a min o balón xogamos en longo e tentamos coller a segunda xogada. E nesa segunda xogada o equipo ten que crecer moitísimo. Ter bo trato co balón e saber distinguir cando hai que ter posesión e cando facer un contraataque. Son cousas que nos están custando. Dentro dese bloqueo están moitas malas eleccións no xogo por parte dos xogadores".

Admite que nas primeiras semanas da chegada de Luis César "estabamos a facer fincapé máis en aspectos defensivos. Agora seguimos traballando aspectos que nos custan como pode ser saber onde ten que ir o balón, onde podemos facer dano coas características do rival, neste caso o Elche CF".

Preguntado polas palabras de onte de Christian Santos, nas que o dianteiro venezolano reclamaba máis protagonismo, Dani Giménez, após escoitar tamén as explicacións do internacional venezolano portas a dentro, cre que "é de agradecer que nesta mala situación queira dar un paso á fronte".

Asegura que as súas palabras no vestiario "non nos pareceron mal porque o ves no traballo diario, velo comprometido co equipo, e aínda encima dáche esas explicacións e sabes que Christian o que quería era dicir que eu tamén estou aquí. Ás veces te podes sentir un pouco frustrado non só cando as cousas van mal, senón cando non xogas. É entendible. O míster leva moi ben estas cousas porque realmente sabe como somos como equipo. Non hai ninguén tóxico no vestiario".

O porteiro branquiazul cualificou a Christian Santos como "unha persoa moi alegre, que mesmo trae cousas ao vestiario para que a xente faga máis equipo. Quizais o que quería dicir era que estaba preparado e que se está ofrecendo nestes malos momentos para remar co equipo".

Conclúe Dani, un dos futbolistas máis expertos do Deportivo, que o equipo "está súper tranquilo, súper unido e el (Christian Santos) tamén está tranquilo".

Ademais, confesa que desde o Club fíxoselles chegar ao cadro unha mensaxe de confianza e de que "van estar aí nos malos momentos. O único que nos piden é compromiso, que o equipo estea unido e que non nos despistemos do que é o obxectivo".