RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Dani Mallo: "O fútbol non é o máis prioritario nestes momentos pero si pode servir á xente como vía de escape e pode axudar"

Dani Mallo, técnico de porteiros de #ANOSACANTEIRA e ex gardameta canteirán e do primeiro equipo, pasouse hoxe pola sala de prensa virtual do RC Deportivo.

Indica que a súa misión actual no Club é "axudar en #ANOSACANTEIRA. Colaboro cos equipos infantís e xuvenís. Teño unha boa camada de porteiros cos que teño a sorte de poder traballar. Hai boa madeira. Sempre defendín que Galicia é terra de porteiros. Traballando cos rapaces da canteira doume conta de que segue sendo así. Oxalá eles sexan conscientes da sorte que teñen, das condicións de adestramento, dos profesionais que teñen para traballar con eles, dos campos e da aposta do Dépor pola canteira. Teñen que telo en conta e valoralo".

Sobre retomar a competición, ten claro que "o importante é a saúde. Sempre que se garanta a saúde de xogadores, membros do staff e de todas as persoas que están ao redor dun partido, poderíase retomar. Esta é unha opinión estritamente persoal. Cada un aquí ten a súa e son todas válidas".

De feito, no caso de que a competición non se poida retomar, "o máis xusto é anular a temporada. Calquera outra decisión pode prexudicar a un equipo, beneficiar a outro. O único que se podería facer é anulala".

Lembra que "este momento nunca se viviu. Estamos nunha situación tremendamente excepcional que inflúe a toda a sociedade; e o fútbol non é allea a ela. Quero pensar que todos os protocolos pénsanse de maneira lóxica, clara e ben consensuada coas autoridades sanitarias. O fútbol non é o máis prioritario nestes momentos pero si pode servir á xente como vía de escape e pode axudar. Se se cumpren as normativas de Sanidade, de saúde e todos os protocolos, e se o fútbol pode axudar, benvido sexa".

Cre que "é difícil" establecer un período necesario para volver á competición porque "esta situación non se deu antes. Podo falar de pretemporadas, de períodos vacacionais, pero este confinamento é excepcional. Estamos a enfrontarnos a algo novo en todos os ámbitos da vida e o deporte non é alleo a iso. Os protocolos de volta ao traballo terán que ser tamén novos. Fai falta un período mínimo de adaptación para estar outra vez no campo, para coller sensacións. Pero de tempo tería que falar alguén con máis coñecementos de preparación física que eu".

Explica que a demarcación de porteiro ten "unha especifidade altísima, que require un grao de tecnificación, de preparación moi alto. E non está exento de lesións porque están expostos a golpes, caídas, movementos descontrolados. Non creo que os porteiros partan con vantaxe (se se retoma a competición con ritmo alto). Terán que adaptarse tamén e serán os expertos en preparación física os que determinen que duración ten ese proceso. Os preparadores de porteiros teremos que minimizar o risco lesional e telos ao 100 % canto antes".

En canto ao protocolo de LaLiga para retomar a competición, "paréceme complexo pero entendo que LaLiga cando o propón, terá estudado a súa viabilidade. É unha opinión persoal. Como afeccionado e ex futbolista paréceme un pouco confuso pero entendo que LaLiga se o propón terá os medios necesarios para levalo a cabo, e garantías para poder cumprilo".

Dani Mallo opina que con este parón "quen máis vai sufrir é o fútbol modesto, o fútbol de Segunda B para abaixo, Terceira, Preferente, Rexional, o fútbol de pobo e as categorías de base. Aquí non hai intereses de televisión, non hai outro medio de ingresar diñeiro que non sexan os despachos de billetes, patrocinadores locais... Cando todo isto pase, todos temos que traballar, arrimar o ombreiro e axudar aos equipos da nosa terra, aos máis próximos. Son os que se levaron o golpe máis forte. Espero que entre todos podamos levantalo. Sei que hai equipos que están a facer un traballo fenomenal na sombra, están a manter viva a chama do fútbol aínda que non se poida xogar".

En confinamento, conta Dani Mallo que "un porteiro só pode facer forza e flexibilidade, porque os traballos de campo son complexos. Vin a algún compañeiro como Ian Mackay que inventa traballos para mellorar reflexos ou a velocidade de reacción".

Desexa que "pronto" poida haber un porteiro formado en Abegondo defendendo a portería do Deportivo: "Teño sorte de case a diario ver aos rapaces de #ANOSACANTEIRA. Hai bos candidatos para ese posto. Tamén sei que historicamente é complicado. Sempre haberá un momento que iso cambie e un rapaz de Abegondo poida chegar á portería de ABANCA-RIAZOR. Hai bos candidatos e teño confianza en que máis pronto que tarde teñamos un porteiro que poida por condicións estar na portería deportivista".

A nivel persoal, o técnico branquiazul lembra que é "voluntario da Cruz Vermella na base de mar desde hai máis de 1 ano. Do cal estou tremendamente orgulloso. Neste momento os labores da base están restrinxidas a emerxencias. Tentamos colaborar entón co equipo de terra que están a facer un gran labor nesta situación tan complicada. Tentamos colaborar en axuda domiciliaria, facer compras a familias de risco que non poden saír, ou que polas súas características non poden saír de casa. Sempre co mínimo contacto, cun protocolo estrito de seguridade e hixiene. Colaborar cos albergues tanto na polideportiva de Riazor como noutros puntos. Axudar no que podamos. O labor dos voluntarios da Cruz Vermella é moi grande. Tento axudar no que podo".

Por este motivo, "non me falta traballo. Desde o primeiro día o meu labor no Concello de Cambre continúa para tentar axudar aos nosos veciños a levar este confinamento o mellor posible. O meu traballo como delegado de AFE continúa. Temos moitas chamadas e correos de afiliados preocupados pola súa situación. Tento formarme na Escola de Adestradores e en cursos en liña. Tento estar ocupado o maior tempo posible. Teño 3 fillos que tamén merecen o seu tempo. Tento facer algo de deporte, alimentarme ben, non deixarme caer polos doces. Animar a todos a que o fagan porque é a mellor maneira de vencer a esta pandemia".