RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

David Simón: "O que máis me gusta é a humildade que estamos a ter no vestiario"

David Simón foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.

O lateral grancanario explicou así os dous bos encontros do Dépor no Estadio ABANCA-RIAZOR, con escasas opcións de triunfo para os seus rivais (Sporting de Gijón e Granada): "A afección, con pouco que lle deamos, aperta moito, está connosco. O estilo noso, de mover o balón, está a saírnos moi ben aquí. Fai que os equipos que veñen dean ese paso atrás. Somos un equipo a bater e aquí en casa en casa temos moitas opcións sempre que esteamos como estes dous últimos partidos".

Así pois, marchouse "moi contento" dos dous partidos en casa: "A xente, a afección, o equipo... hai que seguir nesta liña". "As sensacións son moi boas, o equipo levando o control, tentando meter sempre a máxima intensidade. Desde aí, insistindo moito, conséguese a vitoria", engade.

De cara ao futuro, cunha saída a Tarragona e despois dous seguidos na Coruña, David Simón advirte que "con paciencia, traballo, hai que estar aí en todo momento. Tivemos un comezo un pouquiño estraño por tantos partidos fóra de casa. Podes ser un bo momento para poder facer un arreón bo. Pase o que pase, seguir competindo como o estamos facendo. Así temos toda a temporada, dá igual o calendario que sexa, imos ter moitas posibilidades de estar aí entre os primeiros".

Sobre o Nàstic, rival este domingo 30 de setembro no Nou Estadi (20:30, GOL e LaLiga 1|2|3 TV) de Tarragona, indica que "temos que ser nós mesmos, corrixir os fallos e esa desconcentración que tivemos en Alcorcón. Saber que a Segunda é complicada cando vas fóra de casa, hai moita segunda xogada, moito balón arriba, moitos duelos uno contra un. Póndonos niso e tendo a personalidade que nós temos, sendo nós mesmos, temos posibilidades sempre de sacar os 3 puntos".

De feito, admite que "xogamos moitos partidos fóra de casa e competiramos ben. Fixeramos gran xogo durante moitos minutos. E iso que fóra de casa é difícil, tocáronnos rivais complicados, en campos complicados. O Alcorcón creo que foi na semana parva, entre Copa, liga. A xente estivo un pouco descentrada. Tras iso todo o mundo puxo de novo as pilas e esperemos que non pase máis. Pódese perder pero non dando esa imaxe que demos en Alcorcón".

Confesa o defensor deportivista que "o que máis me gusta é a humildade que estamos a ter no vestiario".

Nesta liña, subliña que o segredo da boa defensa que está a mostrar o equipo é "estar sempre ben situados, a comunicación que estamos a ter, esa intensidade, a humildade non só dos defensas, tamén do mediocampo, dianteiros... Ao final é un traballo de equipo, tanto cando atacas como cando defendes. Nese aspecto hai unha actitude incrible. Nesta liga tan longa se temos ese compromiso durante toda a temporada, a portería quedará máis veces a cero".