RCD / NOVAS

David Simón resalta "o equipo, o grupo: estamos todos a unha"

27/08/2018 20:07

David Simón foi o protagonista hoxe luns na sala de prensa de Abegondo.

O lateral deportivista dá valor ao comezo de temporada con 3 partidos consecutivos lonxe do Estadio ABANCA-RIAZOR: "Era importante comezar así. Todo o que sexa sumar fóra de casa vén moi ben e despois facelo bo en casa".

Nunha categoría tan igualada, pide ser "moi regular como o estamos sendo. Temos moita marxe de mellora. Así que este é o camiño".

Do partido do sábado 1 de setembro en Tenerife (20:30 horas, LaLiga 1|2|3 TV), David Simón, natural das Palmas, non o ve como especial: "É un rival máis. Estou aquí na Coruña. Antes cando xogaba nas Palmas era derbi de alí. Céntrome en traballar. Iremos alí a facer o que estamos a facer, tentar facer o noso traballo e sacar os 3 puntos".

Preguntado sobre o partido do pasado sábado en Almendralejo, o defensor branquiazul lembra que "non é fácil fóra de casa en Segunda División. Métenche moitos balóns arriba..."

Admite ademais que "cando imos por diante no marcador, eles vanche metendo atrás aos poucos. Pero hai moita marxe de mellora. Estamos a competir ben, que é o importante. Temos durante moitos minutos dos partidos un bo trato de balón, un bo xogo. Pero o máis importante que estou a ver eu é o equipo, o grupo: todos estamos a unha".

Nesta liña, valora positivamente o encaixar 1 gol, e de penalti, nos 2 partidos disputados fóra da Coruña ata a data: "A xente está a ter moita humildade, moito sacrificio á hora do traballo, desde os dianteiros aos defensas. Ese é o camiño". "Podemos gozar moito con este equipo e temos moita marxe de mellora", insiste.

Explica que co sistema de xogo instaurado por Natxo González, "aos laterais dános moita liberdade. Hai que traballalo bastante que é o que estamos a facer. Hai que seguir insistindo".

Conta que o técnico lle pide "estar sempre ben situado. Cando temos o balón déixache crear, déixache facer o que ti queiras, sempre con esa orde".

A xuízo de David Simón, o Deportivo pode presumir de ter un equipo "con gran calidade, con moito talento".

Aínda que a liga está a arrincar, ve "importante" estar xa no grupo de cabeza da táboa, "sobre todo nós con 3 partidos fóra de casa. A Segunda División é complicada. Este é o camiño".

Máis novas de: DAVID SIMÓN