RCD / NOVAS

Davy Roef, novo xogador do Deportivo

24/01/2017 17:00

Davy Roef (6 de febreiro de 1994, Rumst - Bélxica) chega ao Deportivo cedido ata o final da presente temporada co cartel de gardameta titular do actual subcampión de Bélxica, país ao que defendeu como internacional nas categorías Sub 16, Sub 19 e Sub 21.

Roef é o sucesor de Silvio Proto, un dos vinte futbolistas que máis veces defendeu a camiseta do Anderlecht ao longo da súa historia. Precisamente, o debut do novo porteiro deportivista produciuse substituíndo a Proto, por lesión, nun encontro de liga entre o conxunto da capital belga e o Malinas. A oportunidade chegoulle só dúas semanas despois de cumprir 20 anos, o 19 de febreiro de 2014.

Desde a súa aparición, á sombra dunha lenda do club bruselense como Proto, soamente puido disputar 31 partidos a nivel profesional, dos que 22 foron esta mesma campaña. Tras a marcha de Proto, xa con 33 anos, ao Ostende, Roef fíxose coa titularidade nun equipo co que xogou a fase previa da Liga de Campións, onde foi eliminado polo Rostov ruso, e co que superou a fase de grupos da Liga Europa.

Roef entra na historia do Deportivo como o primeiro futbolista belga en formar parte do primeiro cadro do Club. Só existe un precedente de xogadores dese país no Dépor. Fernand Goyvaerts, dianteiro belga do Real Madrid, reforzou ao Deportivo nun amigable ante o Inter de Milán de Luís Suárez en Riazor en 1966.

Máis novas de: ROEF