RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

De la Barrera cre que o gol chega "na única aproximación" e que "o rebenta absolutamente todo"

Rubén de la Barrera manifestou na sala de prensa do Novo Ganzábal de Langreo que "evitamos que pasasen cousas e a partir de aí tivemos dúas ocasións claras antes do gol deles. Na única aproximación que teñen, neste caso na segunda parte, adiántanse. E todo o que lle segue é consecuencia diso".

Neste sentido, insiste que durante o partido "aos poucos fomos impóndonos e curiosamente na segunda parte antes de que ocorrese a ocasión clara de Miku creo que estabamos a comer máis terreo. Finalmente o gol rebentouno absolutamente todo pero sobre todo como finaliza o encontro".

O técnico deportivista lembra que "acabamos o partido con ocasións pero iso é froito do gol deles. Nestes partidos o equipo que logra a primeira vantaxe ten moito gañado. Aínda así tentamos darlle a volta. E ese control que tivemos sen balón non resultou para evitar esa acción que eles tiveron na segunda metade. A partir de aí o que queriamos era ese gol que cando menos nos permitise sumar un punto".

Sobre as consecuencias deste marcador, advirte que "antes de que isto comece todo o mundo pensa que se liquida pola vía rápida. O equipo ten que estar preparado para liquidalo pola vía rápida e se non vai tan rápido, tamén. E iso pasa por competir e gañar a maior cantidade de puntos e de partidos posibles para non ter que chegar ás últimas xornadas competindo por ese sitio na Pro. Seguimos dependendo de nós. Hoxe tiñamos unha ocasión importantísima. A vitoria permitiríanos cousas. O que temos que facer é reaccionar co resultado que non queriamos e que finalmente sucedeu".

Rubén de la Barrera cre que o partido ante o CD Numancia o vindeiro domingo 18 de abril en ABANCA-RIAZOR (19:00 horas, TVG) é "moi importante pero tamén o ía a ser se se producise aquí outro resultado. En caso de empate ou vitoria nosa aquí (en Langreo) o partido do Numancia ía ser moi importante para lograr outra cousa de maneira máis rápida. Agora temos o Numancia. Vai ser un partido disputado e competido seguro onde hai que facelo ben para gañalo. Toca levantarse e preparar o que vén como hai que facelo".