RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

De la Barrera non quere máis tropezos e pide ir a por o obxectivo "de maneira colectiva e todos xuntos"

Rubén de la Barrera destacou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR o nivel do CD Numancia, do que dixo que é "un grandísimo equipo, con moi bos xogadores".

Sobre o encontro, o técnico coruñés apuntou que "fixemos cousas ben, estivemos desaxustados nalgún momento. Ao final puidemos rematar o partido con algunha situación rápida pero a sensación é boa e hai que facela máis boa aínda en Luanco a próxima fin de semana. Os tropìezos terminaron".

Lamentouse do gol do empate do CD Numancia, nun centro lateral: "Chegou nun momento onde o equipo estaba ben no campo, estabamos a evitar situacións de centro. De feito na primeira parte as dúas situacións que se producen ao seu favor cóllennos con campo aberto ao noso favor e dúas malas decisións terminan por permitirlle ao Numancia correr. No gol deles o equipo estaba axustado, ben nese momento cando chega esa situación. Ao centro non puidemos chegar para pechalo. No entanto creo que a calidade do centro é importante e na área algo fixemos mal para que eles puidesen finalizar".

Ten claro Rubén de la Barrera que "se gañamos os dous próximos partidos estamos, fagan o que fagan os demais. O importante era volver depender de nós véndonos un pouquiño máis separado do terceiro clasificado. Agora é Luanco e hai que tentar dar outro paso conseguindo a vitoria", en referencia ao partido do domingo 25 de abril ás 17:00 (Footters) no campo de Miramar.

Pide centrarse en "ir a por iso de maneira colectiva e todos xuntos. E cando digo todos xuntos é con todo o mundo", concluíu.

Pola súa banda, Álex Huerta, adestrador do CD Numancia, sostén que o penalti "é dubidoso"; e cre ademais que a acción da expulsión "é determinante no sentido que acabamos con dez. Non podo facer unha valoración porque non tiven ocasión de velo pero é unha acción lateral (a da pena máxima). Faleino cos xogadores e din que é unha xogada forzada que saca o balón co cuádriceps. Non se se lle tocou na man. Para pitar penalti co que nos estamos xogando os equipos hai que telo moito máis claro e ser unha acción moito máis manifesta que esa acción puntual".

Ademais, subliña que na xogada da expulsión "non é Borja (López) o que fai a falta. De feito hai dúbidas entre o xuíz de liña e o árbitro. Foi Cotán e non Borja. Pero desde logo Borja non é quen realiza a falta. E non creo que sexa unha falta de vermella directa. Non adoito queixarme pero ante a pregunta que me fas si que creo que foron determinantes as decisións na nosa contra no tramo final do partido".