RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

De Valladolid a ABANCA-RIAZOR camiñando para iniciar unha nova etapa máis preto do Dépor

David Martín Gutiérrez (Valladolid, 1986) leva toda a vida gozando, sufrindo e seguindo cada paso do Dépor desde a distancia, concretamente desde a capital castelá. Unha vida de Deportivista da que lembra con especial agarimo cando con 9 anos celebrou na súa casa o gol de Alfredo na final de Copa do 95.

Coa súa camiseta daquela temporada quere iniciar unha nova etapa da súa vida na Coruña, cambiando o seu lugar de residencia e pasando de ser Socio Amigo a Socio con localidade do Deportivo. Unha etapa que comezou onte despois dunha viaxe especial para dar inicio á mesma: o percorrido dese cambio vital quixo facelo a pé, 450 quilómetros, arrincando o pasado 31 de xaneiro, percorrendo o Camiño de Santiago até A Coruña e chegando onte a ABANCA-RIAZOR para apoiar por primeira vez en directo ao Dépor para sumar folgos e lograr o obxectivo da temporada: “para poder estar aí apoiando nesta ilusionante segunda volta. Nada me faría máis feliz que estar presente cando regresemos a segunda, sexa este ano ou cando sexa, pero quero estar aí e ser unha garganta máis en Riazor, no bo e no malo”, escribiu a primeira vez que contacto co departamento de atención ao Deportivista do Club.

Onte concluíu a súa primeira parte da súa nova vida na Coruña da mellor maneira posible: animando a Os Nosos e cunha vitoria na Nosa Casa, a súa e a de todo o Deportivismo.