RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Debut goleador de Valverde con Uruguai e récord para Celso Borges con Costa Rica

- Foto: AUF - Selección Uruguaia de Fútbol -

Onte martes 5 de setembro (madrugada do mércores 6 en España), Celso Borges e Fede Valverde xogaron en San José de Costa Rica e Asunción (Paraguai) respectivamente.

Especialmente brillante foi o debut de Valverde coa absoluta uruguaia. Anotou un tanto no triunfo en Paraguai.

Pola súa banda, Celso Borges, con 43 partidos, xa é o xogador con máis encontros disputados nas eliminatorias mundialistas.

Con Schär xa en Abegondo desde onte, hoxe adestráronse na Cidade Deportiva de Abegondo Andone e Tytoń; mentres que Pantilimon pasou o recoñecemento médico.

Celso Borges, xogador con máis partidos en eliminatorias mundialistas

Celso Borges e a súa selección, Costa Rica, empataron (1-1) ante México (Estadio Nacional de San José) na 8ª xornada do hexagonal de clasificación para Rusia 2018. O mediocentro deportivista foi titular e disputou completo o encontro.

Con este encontro, Celso Borges converteuse no xogador do seu país con máis partidos en eliminatorias mundialistas, cun total de 43 presenzas.

En total, o mediocentro branquiazul superou xa os 100 partidos coa súa selección.

O pasado venres, Celso Borges logrou un gran triunfo en Estados Unidos (0-2), en choque que se disputou no Red Bull Arena de Harrison (Nova Jersey).

O mediocentro deportivista xogou o noventa minutos nun brillante partido dos 'ticos'.

México lidera o grupo de clasificación para Rusia 2018 con 18 puntos, 3 puntos máis que Costa Rica, segunda clasificada con 15 puntos. Terceiro é Panamá, que ata a data ten 10 puntos, e cuarto Estados Unidos, con 9 puntos. Os tres primeiros obterán o billete para Rusia. Costa Rica xa ten asegurada polo menos a cuarta praza, que outorga o billete a unha repesca a dobre volta contra o quinto clasificado de Asia cuxo vencedor tamén estará no Mundial.

Celso Borges emprende viaxe inmediatamente á Coruña e espérase a súa chegada ao longo do día de mañá xoves.

Fede Valverde debuta con gol en Paraguai

A Federación Uruguaia de Fútbol convocou a Fede Valverde para os encontros de clasificación para o Mundial de Rusia 2018, nos que o combinado celeste mídese a Arxentina e Paraguai.

É a primeira citación na selección absoluta para o novo centrocampista branquiazul, que o pasado mes de xuño foi elixido Balón de Prata da Copa do Mundo Sub-20.

Os uruguaios derrotaron a Paraguai (1-2), partido que se xogou no Estadio Defensores do Chaco de Asunción, a capital do país.

Fede Valverde foi titular, xogou enteiro o encontro e no minuto 76 logrou o primeiro tanto que encarrilaba o choque para os uruguaios.

O pasado xoves 31 de agosto, a selección de Uruguai enfrontouse a Arxentina en Montevideo. Houbo empate sen goles (0-0) e o mediocentro deportivista non chegou a saltar ao terreo de xogo.

O combinado celeste ocupa agora mesmo a segunda praza da fase de clasificación de Sudamérica con 27 puntos. Os catro primeiros clasificados obterán o billete para Rusia e o quinto deberá xogar unha eliminatoria contra o campión de Oceanía cuxo vencedor tamén estará no Mundial.

Fede Valverde ten previsto aterrar no Aeroporto da Coruña mañá xoves ás 17:00 horas.

Andone e Pantilimon caen en Montenegro

O pasado luns 4 de setembro, Romanía, con Andone no once inicial e o meta Pantilimon no banco, caeu (1-0) en Montenegro, en partido clasificatorio para o Mundial de Rusia 2018.

O dianteiro deportivista foi substituído no minuto 64 por Alexandru Baluta.

Os romaneses son cuartos clasificados do grupo 5 de clasificación europea con 9 puntos, a 7 de distancia da segunda praza e con só 2 partidos por xogar, co cal perderon todas as súas opcións de estar o verán próximo en Rusia.

Florin Andone foi titular o venres 1 de setembro no partido que Romanía disputou ante Armenia no National Arena da capital Bucarest, e que se saldou con triunfo in extremis dos romaneses (1-0), cun gol de Alexandru Maxim no minuto 90.

O dianteiro deportivista xogou o partido completo e dispuxo dalgunha boa ocasión para marcar. Pantilimon, fichado ese mesmo día polo Dépor, foi suplente.

Tytoń, fóra da lista fronte a Kazajistán

Polonia, co porteiro deportivista Przemysław Tytoń fóra da convocatoria, impúxose (3-0) o pasado luns 4 de setembro a Kazajistán no Estadio Nacional de Varsovia, en choque clasificatorio para o Mundial de Rusia 2018.

Os polacos lideran o grupo 5 de clasificación europea con 19 puntos, con 3 de vantaxe sobre Montenegro e Dinamarca, empatados a 16 puntos.

Tytoń tampouco foi convocado para o Dinamarca-Polonia do venres 1 de setembro no Telia Park de Copenhague. Gañaron os daneses con claridade (4-0).

Fabian Schär foi titular en Riga e xa está a disposición de Pepe Mel

O pasado domingo 3 de setembro, Suíza, con Fabian Schär no once inicial, impúxose (0-3) a Letonia, pechacancelas do grupo 2 de clasificación para o Mundial.

O defensor branquiazul xogou enteiro o partido e xa se adestra desde onte martes co Dépor en Abegondo.

Os suízos, con 24 puntos, marchan líderes do grupo 2 de clasificación europea para o Mundial, con 3 puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, Portugal, que suma 21 puntos.

O central deportivista tamén foi titular o xoves 31 de agosto no triunfo de Suíza ante Andorra no Kybunpark de St. Gallen (3-0).

Schär xogou os noventa minutos dun partido marcado polo estado do terreo de xogo, completamente encharcado debido ao diluvio caído sobre a localidade de St. Gallen.