RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

'Dépor 88', o documental que vira ao redor do gol de Vicente Celeiro, bota a rodar en busca de mecenas

A sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR acolleu esta mañá a presentación do documental 'Dépor 88', de Chiripa Producciones, un proxecto audiovisual sobre unha temporada clave na historia do RC Deportivo, a que concluíu co soado gol de Vicente Celeiro que evitou o descenso a Segunda División en 1988.

César Seijas, director da longametraxe, e Eva Alonso, produtora, presentaron o proxecto, que se financiará mediante crowdfounding, a través da plataforma Verkami. Calquera afeccionado pode colaborar con este traballo con diversas modalidades de mecenado, entre 5 e 500 euros. Todas elas contan con recompensas por parte dos creadores.

O conselleiro Daniel Ramos, en representación do Club, e o propio Vicente Celeiro, tamén participaron na presentación. Iago Vázquez, guionista do documental, non puido estar presente por motivos laborais.

Ramos destacou a permanente iniciativa do consello de administración de apostar pola recuperación da memoria histórica do Club, tanto con accións internas, como a web 'ReCorDos en Branco e Azul' e a votación de 'O Balón das Nosas Lendas', como externas, como este 'Dépor 88'.

A produción realizarase entre xuño e setembro, mes no que arrancará a postproducción, que se prolongará até o mes de outubro. En novembro estrearase o documental, no incomparable marco do Estadio ABANCA-RIAZOR.

Vicente Celeiro atendeu posteriormente aos medios de comunicación. "A verdade é que non se podía comezar peor unha pretemporada, cun falecemento, co mellor xogador apupado pola afección na presentación... É o comezo máis caótico pero con todo o final máis feliz que pode suceder", lembrou o dianteiro vilalbés.

"O meu soño nunca foi meter ese gol, o meu soño sempre foi meter o gol que supuxese o ascenso a Primeira División", recoñeceu o autor do histórico tanto.

Acerca da actual situación do Deportivo, afirmou que "cando entras nunha dinámica negativa ás veces pasan estas cousas, o fútbol é así", pero mostrouse "seguro" de que o equipo "ascenderá o ano que vén", porque "o nome do Deportivo significa Primeira División".