RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Dépor ABANCA e Athletic loitarán polo V Trofeo Teresa Herrera este sábado a partir das 18:00 horas

Deportivo ABANCA e Athletic Club serán os protagonistas da V edición do Trofeo Teresa Herrera feminino, que se disputará este sábado 5 de agosto no Estadio ABANCA-RIAZOR a partir das 18:00 horas.

O Trofeo Teresa Herrera de fútbol feminino alcanza a súa quinta edición consolidado como un dos grandes referentes do verán, cun cartel do que poucos torneos poden presumir, posto que o Deportivo ABANCA, reforzado para buscar o ascenso á Liga Iberdrola, recibe ao equipo que máis veces se proclamou campión de España.

O equipo bilbaíno é un clásico do fútbol feminino nacional. Dirixido por Joseba Agirre (ex xogador do Athletic e do Celta, entre outros clubs), concluíu a Liga Iberdrola 2016-2017 na quinta posición, só superado por Atlético de Madrid, Barcelona, Valencia e Levante.

Fundado en 2002, militou desde entón na máxima categoría nacional, conquistando o título en 5 ocasións (2002-2003, 2003-2004, 2004-2005, 2006-2007 e 2015-2016). A Copa da Raíña, con todo, resístese ao conxunto vasco, que disputou e perdeu dous finais, en 2012 (1-2 ante o Espanyol) e 2014 (1-1 e 4-5 por penaltis ante o Barcelona).

Dépor Abanca e Athletic Club xa se enfrontaron o 22 de outubro na final do Torneo do Aurrerá, en Vitoria, con triunfo branquivermello por 2-0.

O Trofeo Teresa Herrera feminino comezou a disputarse en 2013, cun derbi coruñés entre o Victoria e o Orzán, no que levou a vitoria o conxunto blanquinegro (3-0). O encontro disputouse naquela ocasión no campo Rodrigo García Vizoso (Grela 1).

Desde entón, as tres edicións seguintes tiveron como escenario Riazor. En 2014, o Victoria derrotou ao Boavista portugués (2-1) no peche dunha maratoniana xornada, que concluíu xa entrada a madrugada co partido feminino.

A edición de 2015 xa contou co formato actual, co encontro feminino como preámbulo do torneo masculino. Naquela ocasión, o Rayo Vallecano impúxose ao Victoria (7-0).

O pasado ano, no debut do Deportivo ABANCA, as herculinas derrotaron na quenda de penaltis ao Villarreal (4-3) despois de concluír os noventa minutos con empate (2-2).

O palmarés do Trofeo Teresa Herrera feminino é o seguinte:

Ano Campión Res. final Subcampión
2013 Victoria CF 3-0 Orzán SD
2014 Victoria CF 2-1 Boavista
2015 Rayo Vallecano 7-0 Victoria CF
2016 Deportivo ABANCA 2-2 Villarreal CF