RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Dépor, Celta e ADOS pechan a campaña Súmate ao noso equipo con 7.228 doazóns de sangue

Do 20 ao 25 de abril completouse a quinta e última semana da campaña de doazón de sangue promovido polo Real Club Deportivo, o Real Club Celta e a Axencia de Doazón de Sangue da Xunta de Galicia, con 2.024 doazóns, das que 128 corresponderon a persoas que participaban por primeira vez, o que supón un incremento do 24,4% na participación respecto da semana anterior.

De novo, este importante impulso permitiu cubrir as necesidades de glóbulos vermellos e plaquetas dos hospitais de Galicia, que empezaron a recuperar lentamente a súa actividade ordinaria, o que se traduce nun aumento nas peticións de compoñentes sanguíneos. Semana a semana, os afeccionados de ambos os equipos e o resto dos cidadáns foron incrementando a participación solidaria, pasando de 1.246 doazóns a primeira semana de campaña a 2.204 nesta última.

En total lográronse 7.228 doazóns de sangue desde o 23 de marzo ao 25 de abril (312 doantes de primeira vez). Nese período 8.405 persoas achegáronse ás unidades móbiles e locais de doazón en toda Galicia. Son persoas que venceron todos os seus temores ante esta situación de incerteza que atravesamos e realizaron un acto solidario moi valioso para a saúde de miles de pacientes.

Con estas cifras, os hospitais galegos dispoñen de glóbulos vermellos para poder realizar 3.600 intervencións cirúrxicas ou plaquetas para axudar a 1.200 enfermos de cancro ou leucemia.

Con esta campaña pasouse dunha media de 240 doazóns diarias na semana do 30 de marzo a unha media de 365 doazóns diarias na semana do 20 de abril (+52%).

Da media de 219 chamadas diarias ao teléfono gratuíto de cita previa na semana do 30 de marzo chegouse outra de 382 chamadas diarias na semana do 20 de abril (+74%).

O impulso da campaña informativa e de concienciación para dar a coñecer a cita previa xerou 5.449 chamadas ao teléfono 900 100 828 desde o 30 de marzo ao 25 de abril, das que o 61% foron para pedir cita para doar sangue.

En suma, as últimas campañas de sensibilización nas que colaboraron o RC Deportivo e a Fundación RC Deportivo arroxan este balance:

En 2016 lográronse 2.193 doazóns de sangue na Coruña cidade e área metropolitana en pouco máis dunha semana.
En 2018 lográronse 10.507 doazóns de sangue en toda Galicia en pouco menos dun mes.
En 2020, nunha situación de confinamento e nunha contorna tremendamente complicada, lográronse 7.228 doazóns de sangue en pouco máis dun mes.

En resumo, a colaboración dos clubs e afeccionados ao fútbol en Galicia ao longo dos últimos anos fixo posible alcanzar as case 20.000 doazóns de sangue e isto é un logro do que todos os Deportivistas poden sentirse orgullosos porque, grazas a este esforzo colectivo, colaboraron para que miles de pacientes puidesen recuperar a súa saúde.