RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Derrota pola mínima en Anoeta (1-0)

O Deportivo perdeu pola mínima en San Sebastián, nun partido no que apenas inquietou á Real Sociedad, co que apraza a posibilidade de lograr a permanencia matematicamente o vindeiro mércores, cando o Real Madrid visitará o Estadio de Riazor.

O adestrador do Deportivo, Pepe Mel, cambiou medio once titular con respecto ao que bateu a pasada semana ao Málaga en Riazor. Tres deses trocos producíronse polas sancións por acumulación de amoestacións de Alejandro Arribas, Guilherme dos Santos e Carles Gil, que deixaron o seu lugar a Raúl Albentosa, Álex Bergantiños e Emre Çolak, respectivamente. Os outros dous retoques foron a entrada de Fayçal Fajr por Bruno Gama e a de Florin Andone por Joselu.

No anticipo dun trepidante inicio de partido, non ían nin dez segundos cando Xabi Prieto estivo a piques de bater a Germán Lux cunha cabezada a centro de Oyarzabal desde o extremo esquerdo.

Ata o minuto 13 non se produciu un novo disparo a porta. Foi de novo Xabi Prieto quen o tentou, esta vez coa súa bota dereita desde a frontal da área. Ata entón, dominio local e tímidos achegamentos deportivistas á área realista.

Ao fío da media hora, a Real Sociedad adiantouse no marcador. Willian José foi o autor do tanto para os donostiarras, ao cabecear lonxe do alcance de Lux un centro de Yuri Berchiche.

Lux si puido chegar coas súas mans a un zapatazo de Iñigo Martínez, para evitar o segundo tanto cando corría o minuto 34. Segundos despois, un lanzamento similar de Mikel Oyarzabal foise lamendo o poste esquerdo da portería deportivista.

Coa vitoria pola mínima chegouse ao descanso tras o cal non se produciu modificación algunha en ningún dos dous onces.

Unha frouxa cabezada de Xabi Prieto foi a primeira oportunidade da segunda metade, cando transcorreran dez minutos.

O Deportivo non se achegou con certo perigo aos dominios de Rulli ata o minuto 77, cando Sidnei cabeceou fóra un centro de Andone, nunha acción na que o equipo herculino chegou á área con sete futbolistas.

No minuto 82, Anoeta cantou o segundo gol nun disparo lonxano de Oyarzabal que tras rozar en Albentosa saíu por riba do traveseiro por moi pouco. O efecto óptico ao quedar o balón enganchado na rede fixo pensar que entrara na portería a boa parte dos afeccionados.

Pouco despois, Borges cabeceou moi frouxo e ás mans de Rulli, en posición inmellorable, un centro desde a esquerda de Ola John. O costarriqueño gozou da mellor ocasión deportivista en todo o partido. Acto seguido, Sergio Canales estrelou un potente zurdazo no poste esquerdo do portal deportivista.

Con esta derrota, o Deportivo queda con 31 puntos, 8 por encima da zona descenso cando só faltan 15 por disputar.

Real Sociedade: Rulli, Zaldúa, Raúl Navas, Iñigo Martínez, Yuri, Zurutuza, Illarramendi, Carlos Vela (Canales, min. 73), Xabi Prieto, Oyarzabal (Granero, min. 90) e Willian José (Juanmi, min. 65).

RC Deportivo: Lux, Juanfran, Albentosa, Sidnei, Luisinho, Borges, Álex Bergantiños, Fayçal Fajr (Bruno Gama, min. 80), Emre Çolak (Joselu, min. 70), Kakuta (Ola John, min. 56) e Andone.

Gol: 1-0 Willian José (min. 28).

Árbitro: Ocón Arráiz (c. rioxano). Cartón amarelo a Albentosa (min. 44), Raúl Navas (min. 45), Fayçal Fajr (min. 50) e Álex Bergantiños (min. 70).

Incidencias: partido correspondente á 33ª xornada de LaLiga Santander disputado no estadio de Anoeta ante 19.925 espectadores.