RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Descanso hoxe para a xente con máis minutos, "bo esforzo para o resto", e "coller o touro polos cornos o mércores"

Óscar Cano explicaba onte na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR o plan de Os Nosos para a mañá de hoxe luns, unha vez liquidado con éxito o partido ante o RC Celta B en ABANCA-RIAZOR: "A miña ilusión é que descanse a xente que xogou máis minutos, que o resto faga un bo esforzo mañá (por hoxe), descansar o martes e a partir do mércores coller o touro polos cornos e ter a paixón que require este tipo de situacións porque quedan poucas xornadas".

Pois así foi esta mañá, só con Trilli e Pepe Sánchez con traballo personalizado. O central andaluz está á espera de probas médicas para ditaminar o alcance exacto das molestias no seu cuádriceps esquerdo que lle obrigaron a pedir o cambio onte.

O lateral destro coruñés quedou fóra por mor "dunhas molestias no psoas da súa perna esquerda". O adestrador branquiazul imaxina "que non será tanto" como para ser considerada baixa segura a próxima fin de semana: "É un psoas que me dixo Carlos Lariño (xefe dos Servizos Médicos do RC Deportivo) que lle deu a lata o ano anterior. Imos ver que non sexa nada. A min gústame ter a todos dispoñibles e a partir de aí a pelexar polo posto, a sacrificarse, a mellorar onde ten que mellorar cada un e a dicirme a min e ao resto que 'son competitivo e que podo xogar en calquera momento'. Este tipo de doenza fai que igual poida adestrar mañá e o xoves non poida. Xa veremos durante a semana e no transcurso da mesma como vai evolucionando".

Un quecemento con roldo, finalizacións e fútbol en espazo reducido foron as tarefas para os xogadores que onte non actuaron de inicio, cos titulares onte ante o RC Celta B como espectadores do traballo dos seus compañeiros.

"Son moi optimista porque os vexo diariamente e sei que vai chegar o momento (de encadear vitorias) porque o merecen e porque teñen moita calidade. Oxalá que sexa o próximo partido. Sería un momento magnífico para facelo", aseguraba Óscar Cano ante os medios de comunicación.

E esa próxima cita no grupo 1º de Primera Federación para o Dépor á que aludía o máximo responsable do cadro deportivista será o vindeiro sábado 1 de abril ás 19:00 no Estadio Reina Sofía (InSports.tv) ante o Unionistas de Salamanca CF.

Os Nosos están citados de novo o mércores 29 de marzo ás 9:00 en Abegondo para saltar ao céspede da Cidade Deportiva a partir das 10:30 horas.