RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Día de festa para o Dépor ABANCA, que pecha a liga ante o Real Oviedo mañá en Abegondo

O Deportivo ABANCA conclúe mañá domingo 21 de abril (12:00 horas) a liga no grupo 1º da Segunda División Nacional co partido estrela, a visita do segundo clasificado, o Real Oviedo Feminino, a Abegondo.

Será un bonito colofón ao brillante título ligueiro conseguido hai xa algunhas semanas e un gran test de preparación para o play off de ascenso á liga Iberdrola.

Como é habitual, os socios deportivistas teñen libre acceso á Cidade Deportiva. Para o público, a entrada custa 10 euros, e 3 euros para os menores de 14 anos.

Manu Sánchez citou ás seguintes xogadoras: Curbelo, Miralles, Carlota, Gaby, Peke, Cris, Nuria, Teresa Abelleira, Miriam, Patri Díaz, Ali Muñoz, Erika, Raquel, Yamamoto, Silvia Mérida, Alba Merino, Lía e Patri López. Causan baixa por lesión: Laura, Kika e Michelle Romero.

En directo na canle de youtube do Club

O Real Club Deportivo emitirá, por primeira vez en probas de emisión real, o partido.

O choque poderá seguirse desde as 12:00 h. na canle de youtube do Club: www.youtube.com/rcdeportivo grazas á instalación no campo principal da Cidade Deportiva de Abegondo dun sistema de produción automática de televisión desenvolvido pola empresa coruñesa Cinfo e ao que o Deportivo accede grazas á colaboración coa empresa galega de telecomunicacións R.

A produción audiovisual automática permite, grazas á Intelixencia Artificial, emitir e gravar calquera evento deportivo en tempo real, de forma automática e sen intervención humana, con pequenas cámaras conectadas a internet que se encargan de seguir o evento. O sistema envía o vídeo máster á nube, transfórmao incluíndo diversas funcionalidades e finalmente o recodifica para o tipo de emisión que se desexe.

As cámaras funcionan cun software desenvolvido por Cinfo que permite facer un seguimento automático do balón. A cámara sabe onde está a acción e cando achegarse á xogada ou ofrecer un plano máis amplo. O algoritmo tarda menos de 0,10 segundos en tomar decisións, de forma que non hai atraso perceptible debido ao recoñecemento de contexto, todo de maneira automática sen necesidade de intervención humana.