RCD / NOVAS

Didier Moreno: "Se fóra sumas e en casa o fas ben, vas estar preto dos teus obxectivos"

18/09/2018 21:14

Didier Moreno atendeu esta mañá aos medios de comunicación na sala de prensa de Abegondo.

O centrocampista colombiano, cumpridas as súas primeiras semanas na Coruña, recoñece que este fútbol "é totalmente diferente ao colombiano. Aos poucos imos buscando esa forma. Esperamos seguir con ese crecemento".

Destaca de LaLiga 1|2|3 que é unha competición "moi igualada, con equipos grandes que se fan fortes. Sorprendeume o ritmo de xogo, a rapidez".

De todos os xeitos, apunta que esperaba algo así, após falar con colombianos, caso de exdeportivistas como Abel Aguilar ou Marlos Moreno, "que militaran acá. É traballar, prepararme ao máximo e achegar o que poida ao equipo".

Fóra do fútbol, a súa adaptación marcha vento en popa: "Os costumes non son moi alleos aos nosos. Atopei unha cidade onde a xente mostra moito ese afecto, ese agarimo. Iso fixo fácil a miña adaptación á cidade. Feliz e contento de estar neste novo proxecto e gozándoo ao máximo".

Do partido do pasado sábado en Alcorcón, no que chegou a primeira derrota ligueira, subliña Didier que foi un encontro "complicado. Non hai que quitarlle méritos ao Alcorcón, que fixo o seu traballo".

Sostén que a regularidade no rendemento "vana a ir dando os partidos, no competir día a día. En fronte hai un rival que tamén se prepara e que quere gañar, quere facer ben as cousas".

Explica sobre a súa posición no campo de Santo Domingo, quizais algo máis afastada da área rival, que "os movementos do rival fanche retroceder ou che permiten avanzar. O Alcorcón fixo un bo traballo, afastoume da área. Estamos a prepararnos, estamos a interpretar moi ben o que o míster quere. Aos poucos ímolo a ir plasmando dentro do campo".

Iso si, confesa que a súa misión no campo, "por momentos é a mesma que tiven en Colombia. Coñézoa, non é allea a min. O fútbol é diferente, aínda que non deixa de ser fútbol. Adaptándome ao estilo de xogo, a posición non é un inconveniente para min. A miña posición natural era o pivote pero non é allea a posición que estou a facer acá. Coñézoa perfectamente".

Advirte que o que debe mellorar é "o ritmo de xogo, totalmente diferente. No meu país é máis pausado, é máis lento. Esa velocidade de xogo é a que teño que apuntar para estar a tope".

Preguntado sobre o esquema de Natxo González, Didier pide tranquilidade: "Todos sabemos que isto é un proxecto novo, o míster é novo, gran cantidade de xogadores somos novos. Hai que adaptarnos a esa idea de xogo, a ese plan de traballo. Comezamos moi ben a liga, fixemos partidos moi importantes. Estamos aí. Agora a pesar no Granada e facer un bo partido", o vindeiro luns 24 de setembro ás 21:00 horas (Gol e LaLiga 1|2|3 TV) en ABANCA-RIAZOR, correspondente á 6ª xornada en LaLiga 1|2|3.

Precisamente da clasificación ligueira, co Málaga agora destacado, o futbolista colombiano opina que "o que temos claro é que é unha liga moi longa, onde imos ter altos e baixos. Non creo que un equipo vaia a gañar todas as xornadas. É unha liga con equipos moi competitivos. Agora ímonos a enfrontar a un Granada coas súas aspiracións. Xogamos na nosa casa. Imos tratar de impoñernos e facer respectar o noso campo".

Coas baixas na dianteira, caso de Borja Valle ou Quique González, indica Didier que o míster pediu colaboración á segunda liña en misións realizadoras ante o marco rival: "É o que se nos pediu. Imos traballar para no posible poder achegarlle ao equipo na zona de ataque, sabendo as baixas que temos, de xogadores importantes para nós. Esperemos que se recuperen canto antes para estar a plenitude co grupo".

Non cre que o Dépor pagase o xogar 4 partidos de 5 lonxe do ABANCA-RIAZOR: "Foron 4 partidos importantes onde logramos sumar unha cantidade de puntos importante para nós. Se fóra sumas e en casa o fas ben, vas estar preto dos teus obxectivos. Con esa base imos á nosa casa a tentar sumar 3 puntos, facer un bo partido".

Máis novas de: DIDIER MORENO