RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Diego Caballo: "En Granada notouse que hai moita unión, que existe un gran traballo"

Diego Caballo, máis que falar do pasado, subliñou na sala de prensa de Abegondo que "é o momento de poñer os ollos no partido da fin de semana e tentar sacar os 3 puntos", concretamente do sábado 16 de febreiro en ABANCA-RIAZOR ante o Nàstic de Tarragona (16:00 horas, LaLiga 1|2|3 TV).

Do rival, o conxunto catalán, sostén que "non importa moito onde estean na clasificación os equipos porque fancho moi difícil e poden competir moi ben. Vímolo hai poucos días contra o CD Tenerife. Fiarse sería unha bobada". "Iremos a por todas en ABANCA-RIAZOR, como imos sempre", promete.

O carrileiro deportivista advirte que "vimos de facer ben as cousas fóra e hai que facelas tamén agora en ABANCA-RIAZOR".

Preguntado sobre a posibilidade de xogar en mediocampo debido ás baixas coas que conta Natxo González, lembra que "en pretemporada estiven aí. Onde necesite o míster contar comigo, estarei dispoñible".

Do gran triunfo do pasado domingo en Granada, Caballo opina que "o equipo a nivel individual estivo ben pero deu outro paso, un golpe na mesa. Estivemos moi ben en liñas xerais. Notouse que hai moita unión, que existe un gran traballo, e así o demostramos".

A clave da solidez do Dépor no Nuevo Los Cármenes baséaa o defensor branquiazul "na unión do equipo e o traballo que se realizou en liñas xerais. Fíxonos sobre todo competir. Nesta categoría é primordial. E se o fas e es eficaz nas áreas, é onde se deciden os partidos. Se me teño que quedar con algo, co traballo. Sempre estivemos xuntos, estivemos ben na presión... Quedaríame co traballo de todo o equipo e a boa unión que hai".

En canto á xogada en Granada que supuxo a expulsión de Nahuel, Diego Caballo teno claro: "Debíase de sancionar igual ao que fai o acto como ao que actúa. Ambas as accións deberíanse de sancionar da mesma forma".

A nivel persoal, o futbolista salmantino vive esta temporada "cunha satisfacción moi grande. Sempre é difícil chegar a dar o salto a un equipo profesional e sobre todo manterte e poder contar con minutos".

Agora titular na súa 'batalla' particular con Saúl por un posto no lateral zurdo do Dépor, Diego Caballo reitera que "a última decisión tena o míster. As cousas están a facerse ben por parte dun e outro. Manterémonos sempre á súa disposición".