RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Diego Villares non ve o seu pase ao Dépor como un marrón porque "temos esa ilusión de axudar"

Diego Villares asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo estar "con moita ilusión" co seu salto ao primeiro equipo. "Nunca se me pasou pola cabeza xogar no Deportivo. Estou moi ilusionado por esta oportunidade", engadiu.

Admite que "cando chegas aquí é algo que ves máis preto pero sempre é complicado. Moita xente tentouno e non ten esta sorte que estou a ter eu. O que estou a vivir é como unha burbulla. Cústache asimilalo porque é todo moi distinto".

Desvelou manter xa algunha conversación con Rubén de la Barrera: "Díxome o que quere de min no campo, que sexa o futbolista que fun até agora no Fabril; e irá falando comigo a medida que pasen os días".

O futbolista vilalbés recoñece collerlle de sorpresa este cambio na súa carreira: "Tiña xa na cabeza a dinámica do Fabril, cos meus compañeiros. Non mo esperaba pero contento porque é unha oportunidade boa para min. Sen dúbida vouno a dar todo. Con esforzo e como traballei até agora, as cousas poden saír".

Conta que os compañeiros "me recibiron moi ben. E a Rayco tamén. Estivemos os dous máis preto un do outro porque xa o coñeciamos de toda a temporada. Síntome moi ben acollido e aos poucos vas collendo máis relación, máis confianza".

Villares explica que no Fabril "estaba a xogar no dobre mediocentro, case sempre cun máis defensivo porque non teño rol tan defensivo, senón máis ofensivo pero sen chegar a ser un mediapunta. Son un xogador con máis percorrido, un 8 que pode chegar a área pero en faceta defensiva tamén ben".

Vese preparado desde o punto de vista físico para un hipotético debut este domingo 7 de febreiro (12:00, TVG) no campo do Vao ante o Coruxo FC: "A pesar de estar un par de semanas confinado co Fabril, en casa co que nos mandaba o readaptador e preparador físico mantivemos esa forma física adecuada. A medida que pase a semana verase se podo entrar ou non nesta convocatoria e participar uns minutos".

Tamén cre que a súa subida como a de Rayco non é un marrón pola situación actual do Dépor "senón todo o contrario. Temos esa ilusión de axudar ao equipo, sobre todo vindo desde abaixo, que sempre che gusta ver os seus entrenos..."