RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Diego Villares percibe "ese ambiente de ilusión por conseguir algo bonito entre todos"

Diego Villares manifestou esta mañá en sala de prensa de Abegondo, que "Borja Jiménez nos trouxo ser protagonistas co balón, aínda que o ano pasado tamén o tivemos a última metade da temporada que puiden estar co primeiro equipo. Insiste nesa presión após perda e ese ser protagonista. É o que nos quere transmitir".

Preguntado pola visita do RC Celta B deste domingo 29 de agosto a ABANCA-RIAZOR (21:30, Footters), con motivo da primeira xornada en 1ª RFEF, indica que "nunca é bo momento para atoparche cun filial. Son rapaces aos que lles poden saír partidos moi bos ou ter ese pico máis baixo".

Iso si, cre que o equipo deportivista chega ao comezo da temporada "nun bo momento. En pretemporada tivemos partidos mellores que outros, pero chegamos xa adaptándonos ao que nos pide Borja. É un bo momento para empezar arriba".

Prefire sobre o campo "xogar nese posto de interior cun compañeiro por detrás e dous interiores, aínda que o outro interior acabe xogando como segundo punta"; e aínda que admite que nesta pretemporada o equipo sufriu en facetas defensivas, "para iso está a pretemporada. Esperemos agora en liga mostrar máis seguridade atrás".

Villares advirte nestes días previos ao arranque ligueiro que non se nota presión pero "si que hai ese ambiente de ilusión por conseguir algo bonito entre todos".

Nesta longa carreira até maio, un factor diferencial pode ser #ANOSAFORZA en ABANCA-RIAZOR, sempre en función das limitacións derivadas da pandemia de COVID-19: "Pode ser bastante importante para nós notar o apoio de #ANOSAFORZA en cada partido. E máis agora que se empeza a poder entrar nos eventos deportivos. En Primeira hai moitos sitios ao 40%. Esperemos que esta fin de semana poidan vir máis de 10.000 a ABANCA-RIAZOR e a partir de aí cara arriba".

En semana de elección de capitáns, tal e como desvelou onte en rolda de prensa Álex Bergantiños, o mediocentro lucense confesa que "me gustaría (portar o brazalete) e máis para un rapaz galego como son. Pero hai xogadores como Borja, Miku ou Héctor que o merecen máis que eu".

Finalmente, sobre o seu futuro profesional, Diego Villares mantén a súa "ilusión de seguir aquí. E creo que a Dirección Deportiva está a mostrar predisposición a que eu siga. Antes ou despois chegaremos a un acordo".